publicidade hoxe

Invístense 85.000 euros en mellorar o complexo das piscinas públicas de Rábade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRábade
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde do Concello de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes, visitaron este martes diferentes actuacións de mellora de dotacións públicas levadas a cabo neste municipio grazas a unha achega económica da Deputación por valor de 85.000 euros. Este investimento fará posible que se acondicionen instalacións deportivas de uso público, en concreto as piscinas descubertas do Concello, nas que se levará a cabo o remate dos vestiarios, as duchas exteriores e o sistema de rego do céspede na zona.

Gómez Besteiro destacou que “é vital que a Deputación ofreza este tipo de colaboracións aos Concellos, xa que este tipo de actuacións supoñen corrixir as desigualdades entre as cidades e o rural, garantindo o desenvolvemento económico, demográfico e social de toda a provincia”.

Aforro enerxético
Esta non é a única actuación que a Deputación acometerá no Concello. De feito, recentemente a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración co Concello para equipar a casa consistorial cunha caldeira de biomasa para o sistema de calefacción, mediante unha achega económica de 36.000 euros, cofinanciada nun 80% pola Unión Europea, a través do programa Lug02. Con esta actuación, “o Concello poderá aforrar un 40% ao ano na factura de calefacción da casa consistorial, ademais de evitar a emisión anual de 11,5 toneladas de CO2 á atmosfera”, destacou Gómez Besteiro.

Ademais do aforro económico que supón para as arcas municipais, o Presidente subliñou que “estes proxectos pretenden servir de modelo co obxectivo de concienciar aos veciños das vantaxes económicas e da importancia medioambiental de incorporar enerxías renovables nas súas vivendas, empresas ou explotacións agrogandeiras”.

Este convenio con Rábade súmase ao plan de aforro enerxético que a Deputación desenvolve en 37 Concellos, aos que lles fixo unha auditoría e agora dota, tamén sen custe para o Concello, de materiais de baixo consumo para reducir o gasto en luz. A media de aforro supera os 3.300 euros ao ano na factura.

Outras actuacións no Concello
O Presidente tamén supervisou as actuacións levadas a cabo con cargo ao Plan de Obras e Servizos dos anos 2013 e 2014, e coas que a Deputación mellorou outras instalacións municipais e infraestruturas do Concello de Rábade. Así, grazas a unha achega total de máis de 21.000 euros, con cargo ao POS destas dúas anualidades, foi posible acondicionar as instalacións do campo da feira, e a pavimentación e dotación de servizos na rúa Coronel Andrade, actuacións que se executaron en dúas fases.

Hai que destacar que, no 2013, e logo de que o Goberno central tentara eliminar o POS, suprimindo a achega estatal por primeira vez na historia da democracia, o organismo provincial adoptou en acordo plenario –malia abstención do PP-, un incremento orzamentario de 400.000 euros, ata chegar ós 2,1 millóns, e poder así manter un Plan fundamental para reforzar as prestacións nos Concellos, combater o paro e loitar contra o despoboamento do rural lugués.

2 de decembro de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.