publicidade hoxe

Gran resposta solidaria en Fene á campaña “Doa os xoguetes que non vas utilizar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+
Xoguetes doados

Xoguetes doados

Desbordadas todas as expectativas máis optimistas. Así se podería calificar, segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais, Juana Barro, o balance da campaña “Doa os xoguetes que non vas utilizar”. Unha campaña que, o mes pasado, poñían en marcha os centros escolares e ANPAS en colaboración co Concello de Fene. Precisamente, a centros educativos e asociacións de pais, así como á veciñanza de Fene, quixo agradecer Juana Barro, en nome do Concello, a súa solidariedade. Dende a pasada semana, unha das salas de Servizos Sociais permanece adicada a almacén dos xoguetes que, grazas á colaboración de Aspaneps, limpan e poñen en perfecto estado de revista os rapaces e rapazas da asociación.

Os obxectivos da campaña son apoiar ás familias con escasos recursos, contribuíndo a reducir os seus gastos; xerar actitudes solidarias entre a poboación; sensibilizar á comunidade no coidado e reutilización dos xoguetes e xogos dende un punto de vista ambiental e tamén como valor social, e fomentar dende os centros escolares e as familias o coidado dos xoguetes. Á convocatoria se cursaron unhas 24 solicitudes. Pero, debido á gran cantidade de xoguetes recollidos, o Concello sinala que se manterá o prazo aberto para solicitar acollerse ao programa. Os centros educativos participantes foron: CEIP Os Casais, CEIP Centieiras, CEIP O Ramo, IES de Fene, CPI A Xunqueira e colexio Jorge Juan.

Doutra banda, o Concello tamén informou de que se presentaron 35 solicitudes á liña de subvencións aberta por Servizos Sociais para que as familias con fillos de ata 14 anos ou de 18 se sufren algún tipo de discapacidade poidan adquirir xoguetes de cara a Reis –ata o 50% da cuantía se pode destinar tamén a roupa ou calzado-. Para isto, o Concello destina unha partida de 3.500 euros, que se reparte en axudas de 70 euros por neno (e que se ingresan en conta antes da festividade de Reis e que as familias deben xustificar a posteriori con factura).

16 de decembro de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.