Gran éxito de participación no karaoke de Marín
O “I Karaoke Concello de Marín” pechou as inscricións o venres pasado cun éxito de participación, tanto en actuacións infantís con 25 concursantes, como na categoría senior, con case 50.
Debido ao éxito da convocatoria a organización do mesmo decidiu cancelar a sesión de Karaoke libre que estaba programada para as 20:30h, comezando a esta hora o concurso infantil.
As actuacións serán por orde alfabética, dando comezo o sábado ás 20:30h o concurso infantil. Tras a participación do último concursante, e mentres o xurado delibera, actuará o MAGO NOEL. Ao terminar a actuación pedirase aos participantes que suban ao escenario para darlles a coñecer os 6 finalistas que por decisión irrevogable do xurado, volverán actuar o domingo. Todos os nenos participantes levarán como recordo unha medalla conmemorativa.
Acto seguido comezará o concurso senior, ao terminar o último participante, o xurado retirarase para deliberar volvendo o MAGO NOEL a actuar. Ao terminar a actuación, os participantes subirán ao escenario para dar a coñecer os 10 finalistas que se enfrontasen na final de domingo.
O domingo, día da gran final, volverase a empezar ás 20:30h co concurso infantil, pero coa novidade de que durante o tempo que duren as deliberacións do Xurado, gozaremos da actuación do cantautor ferrolán MARCOS MELLA, que tamén formará parte do xurado.
O xurado estará composto por profesionais da música e un funcionario do Concello que actuará como secretario do mesmo.











