Gospel, contos e música centran a programación de Nadal no Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Para a semana do Nadal o Teatro Colón propón unha programación variada apta para todos os públicos. O martes 23 será a quenda do gospel co Mississippi Mass Choir, o venres 26 Quico Cadaval, Manuel Lourenzo e Celso Sanmartín achégannos as súas historias en Contos na Lareira, o sábado 27 e o domingo 28 Borja Quiza presenta Cool Swing e o luns 29 despedimos o ano cun espectáculo para nenos: Diverplay, Navidades Mágicas.

Como cada Nadal volve o gospel ao Teatro Colón co festival Os grandes do Gospel Galicia 2014 que, nesta ocasión, nos ofrece un concerto do Mississippi Mass Choir. Un coro de referencia internacional que nos achega toda a maxia deste xénero co espectáculo Oh Happy Day Tour.

O venres 26 ás 20:30 horas Quico Cadaval, Manuel Lourenzo e Celso Sanmartín presentan Contos na Lareira, un espectáculo que bebe da tradición oral, dos contos e das lendas, tanto de aquí coma doutras procedencias. Trátase dunha produción dos creadores de Noites de Retranca que mestura o tradicional co moderno a través de contos e lendas cheos de saudade, retranca, humor tenrura e moita maxia.

Borja Quiza e Diverplay para despedir o ano

Borja Quiza e o espectáculo infantil Diverplay son os encargados de despedir o ano. O sábado 27 ás 20:30 horas e o domingo 28 ás 19:00 horas Borja Quiza presenta o espectáculo Cool Swing e o luns 29 ás 18:00 horas os máis pequenos poderán gozar coas aventuras dos personaxes de: Navidades Mágicas en el Fantástico Mundo de Diverplay.

O barítono galego de fama internacional Borja Quiza presenta un espectáculo co que quere trasladar ao público toda a maxia das grandes veladas musicais de Las Vegas. En ‘Cool Swing. A night with Borja Quiza’ revisa a música melódica americana das décadas dos 50, 60 e 70 con temas de Sinatra, Dean Martin, Sammy Davis Jr., Bobby Darin, Nina Simone e un longo etcétera. Unha big band, unha orquestra de corda e un ballet feminino suman 38 artistas sobre o escenario que farán vibrar ao público nunha noite inesquecible.

As entradas pódense  adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.

22 de decembro de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.