Galicia Calidade achega a excelencia dos seus produtos gastronómicos a profesionais e consumidores de Vigo

Galicia Calidade en Vigo
A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, desenvolve hoxe e mañá en Vigo a súa campaña “Galicia Calidade en ruta”, que está a percorrer as sete cidades galegas con demostracións, talleres e showcookings para achegar a profesionais e consumidores a excelencia dos seus produtos gastronómicos. No acto de inauguración estivo presente a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro.
Cabaleiro defendeu que esta marca é “o mellor pasaporte” das empresas galegas e subliñou que a campaña Galicia Calidade en ruta aposta pola calidade como o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes, xa que a marca representa o compromiso das empresas galegas co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos. Pola súa banda, Bravo Bosch agradeceu o paso por Vigo desta “caravana gastronómica” por tratarse dunha forma máis de promocionar turísticamente a gastronomía galega.
A acción está enfocada aos profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescritores, co obxectivo de poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade.
Galicia Calidade en ruta consiste nun roadshow no interior dun camión adaptado que, ademais de Vigo, visitará os vindeiros días Ferrol (16) e A Coruña (19 e 20), e no que se realizarán diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade. A iniciativa xa arrincou o día 28 en Santiago e visitou as cidades de Ourense, Pontevedra e Lugo.
En Vigo, dentro do camión adaptado situado na Praza de Compostela, desenvólvense catro accións diferentes durante dous días. A primeira delas, denominada “Esencial”, consiste nunha degustación de “bocados de Galicia Calidade”, elaborados pola chef Marian Rodríguez, e que ofrece unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos.
A segunda, denominada “De viños Galicia Calidade”, consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección da enóloga Cristina Murga. Mañá, as 11.00 horas, celebrarase un taller especializado en “Almorzos Galicia Calidade”, nos que se porá en valor o café, a importancia da auga e do leite, e que contarán con acompañamento con kiwis e doces certificados. Pola tarde, o chef Iván Méndez desenvolverá o taller “A Lata de Galicia Calidade”, no que demostrará a versatilidade das conservas na gastronomía.
A campaña Galicia Calidade en ruta, enmárcase na estratexia de reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes. Entre as empresas que contan con esta distinción figuran varias da provincia de Pontevedra como Adegas dos Eidos, Aguas de Mondariz, Avícola de Galicia, Avícola Tratante, Pazo de Villarei, Caracoles do Gallo, Casa Concheiro, Castro Baroña, A Rosaleira, Hotel Augusta Spa Resort, Hotel Louxo, Kiwi Atlántico, Mariscos Linamar e Adegas Valtea.











