Galicia Calidade achega a excelencia dos seus produtos gastronómicos a Ferrol
A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, desenvolve hoxe en Ferrol a súa campaña “Galicia Calidade en ruta”, que está a percorrer as sete cidades galegas con demostracións, talleres e showcookings para achegar a profesionais e consumidores a excelencia dos seus produtos gastronómicos.
No acto de inauguración, o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro defendeu que esta marca é “o mellor pasaporte” das empresas galegas e subliñou que a campaña Galicia Calidade en ruta aposta pola calidade como o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes, xa que a marca representa o compromiso das empresas galegas co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos.
Galicia Calidade en ruta consiste nun roadshow no interior dun camión adaptado que, tras a presenza en Ferrol, rematará esta fin de semana na cidade da Coruña, os días 19 e 20. Ademais dun showcookings, tamén desenvolverá catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade. A iniciativa xa arrincou o día 28 en Santiago e visitou as cidades de Ourense, Pontevedra, Lugo, Cambados e Vigo.
A acción está enfocada aos profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescritores, co obxectivo de poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade.
En Ferrol, dentro do camión adaptado situado na Praza de Compostela, desenvólvense dúas accións. A primeira delas, denominada “Esencial”, consiste nunha degustación de “bocados de Galicia Calidade”, elaborados polo chef Iván Mendez, e que ofrece unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos.
A segunda, denominada “De viños Galicia Calidade”, consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección do sumiller Luis Paadin.
A campaña Galicia Calidade en ruta, enmárcase na estratexia de reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes.











