Fran Cárdenas e Adam Waczynski animan no Diver Nadal a asistir ao Partido Solidario

Xogadores do Obradoiro na sinatura de autógrafos
Os xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro, Adam Waczynski e Fran Cárdenas, visitaron onte o parque de lecer infantil Diver Nadal, organizado no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.
Alí lembraron a importancia da cita deste fin de semana co encontro Rio Natura Monbus Obradoiro – Tuenti Móbil Estudantes (20.00 horas – non televisado), que será tamén unha cita coa solidariedade do Nadal grazas a Gadis, membro do Club de Empresas Obradoiro.
Base e beirado asistiron así á última xornada de tres días de diversión e actividade dedicados aos máis pequenos, nos que estes puideron gozar de tido tipo de xogos inchables, zona multimedia, talleres de manualidades, etc. Alí, e xunto a outros ilustres convidados como Papá Noel, fixéronse fotos e asinaron autógrafos.
Tamén animaron ao numeroso público a asistir este fin de semana ao encontro ante o Tuenti Móbil Estudantes no Fontes do Sar, Partido Solidario patrocinado por Gadis. Neste partido, todo aquel que colabore cun xoguete novo poderá adquirir entradas a 9 euros en Tribuna 2. Os xoguetes serán repartidos posteriormente polos propios xogadores en hospitais da cidade.
Ademais, quen acuda ás oficinas cun ticket de compra en Gadis dun importe de 40 euros ou máis, poderá comprar até catro entradas por 9 euros cada unha, situadas en Tribuna 2. Só por iso, Gadis comprométese a doar un quilo de alimentos non perecedoiros por cada ticket que sexa usado para con esta promoción.











