Formalízase a escritura pública de cesión a perpetuidade da antiga delegación de Educación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, formalizaron esta mañá ante notario a escritura pública de cesión do edificio da antiga Delegación de Educación, actualmente rehabilitado e reconvertido en Edificio Administrativo da Deputación.

A escritura establece “a cesión a perpetuidade e en concepto de balde” deste edificio por parte do concello e a favor da Deputación, algo que, tal e como lembraron Lores e Louzán, obedece ao convenio asinado en febreiro de 2008 e no que se establecían contraprestacións da Administración Provincial para co concello, como o acceso norte a Monteporreiro, a Príncipe Felipe e a Montecelo, entre outras actuacións.

O inmoble consta de soto, baixo e primeiro e segundo andar e consta de 816 metros cadrados de superficie construída e 659 metros cadrados sen edificar, o que fai un total de 1.400 metros cadrados.

O presidente da Deputación subliñou que a sinatura realizada esta mañá é “un trámite” que vén a “regularizar definitivamente” unha cesión que de facto xa estaba feito e que permitiu a posta en valor dun edificio que carecía de uso e que “agora está dando servizo á cidadanía”, tanto pola súa utilización como sede da Deputación como “por ser empregada por diversos colectivos da cidade” para numerosas actividades.

O valor do inmoble cedido ascende, segundo a escritura asinada hoxe, a 1,9 millóns de euros, sobre os que a Deputación “investiu unha cantidade similar para a súa rehabilitación”. Desta forma, subliñou Louzán, ponse en valor un edificio que, de outra forma, probablemente estaría “en estado ruinoso”.

Pola súa banda, Fernández Lores valorou os resultados da “confianza e a lealdade entre administracións”, que permitiu avanzar no convenio que ambas as administracións asinaran en 2008 e que, grazas “ao entendemento entre Deputación e Concello”, fixeron posible que se avanzase na rehabilitación da antiga sede de Educación e tamén nas outras partes do convenio.

Antecedentes

Neste sentido, cómpre lembrar que os compromisos da Deputación neste sentido incluíu a transferencia a ao concello de 14,4 quilómetros de estradas provinciais, a mellora en rúas e estradas da cidade, a construción da ponte e do acceso a Monteporreiro e o acceso oeste a Montecelo.

Entre os viais transferidos ao concello figuran Pedra do Lagarto-Marcón, dende a estrada de San Mauro e que entronca coa de Pino-Ponte Bora; San Mauro-Pedra do Lagarto; Pontevedra-Casas Novas, dende a avenida de Buenos Aires ata a estrada Pontevedra-Ourense e que comprende as rúas Padre Gaite, Fernando Olmedo, Santa Margarida e A Pomba; N-541-Montecelo; subida á Estación Fitopatolóxica de Areeiro; o treito da estrada Pontevedra-Monteporreiro desde a Avenida Buenos Aires ata o embarcadeiro do río Lérez, a vía Mollabao-Sixto que entronca a antiga estrada Pontevedra-Marín coa rúa Xoan XXII; a estrada Parda-O Marco e a vía Porta do Sol-Castelo que discurre dende a estrada autonómica Pontevedra-Lérez-Campo Lameiro ata Castelo.

16 de decembro de 2014 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.