Finalizan as rutas xeoculturais con Redondela en Rochas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

O ciclo de rutas xeoculturais por Redondela, organizado pola Concellaría de Cultura, remata o vindeiro domingo, 14 de decembro, coa ruta “Redondela en rochas”.

O obxectivo principal desta actividade é gozar do patrimonio natural redondelán e divulgar o coñecemento da xeoloxía dende unha perspectiva lúdica e educativa.

A empresa de servizos xeoculturais encargada de desenvolver e guiar estas rutas é Olho de Sapo, e nesta última saída fará un percorrido polo núcleo de Redondela que partirá da nova Estación dos Eidos. Dende alí mostraranos a realidade oculta baixo o granito aparente, composta por xistos que poden contemplarse en determinados puntos. Falaranos dos materiais graníticos da zona vella para despois relacionalos coa xénese da enseada de San Simón a través dun agradable paseo.

A ruta, orientada a público adulto, partirá ás 11.00 h dende a nova Estación dos Eidos, e rematará arredor das 13.30 h.

A actividade é de balde pero cómpre facer inscrición previa no teléfono 986 400 013.

10 de decembro de 2014 | 10:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.