Finaliza o período de exposición pública do novo inventario de camiños da Laracha
O período de exposición pública do novo inventario municipal de camiños públicos rematou hoxe, concluíndose tamén o prazo legal establecido para que as persoas que así o estimasen oportuno presentasen as correspondentes alegacións ao documento elaborado por técnicos especializados.
Durante as últimas semanas o Concello da Laracha desenvolveu unha campaña informativa cos obxectivos de facilitar a todos os veciños o acceso ao documento e ofrecer a máxima transparencia no procedemento de aprobación do novo inventario de camiños públicos. Ademais de estar os planos ao completo a disposición dos internautas na web municipal (www.alaracha.es), foi elaborado un bando municipal e o técnico redactor desprazouse ás diferentes parroquias en diversas xornadas para permitir un máis cómodo acceso á información, así como para facilitar a súa comprensión por parte das persoas interesadas.
No rexistro do Concello da Laracha foron presentadas corenta e cinco alegacións. O persoal técnico municipal elaborará os correspondentes informes en base aos que serán estimadas ou rexeitadas. A continuación a modificación do inventario de camiños será tratada en Comisión Informativa e, por último, elevada novamente ao Pleno da Corporación, neste caso para propoñer a súa aprobación con carácter definitivo.
A realización do novo inventario desenvolveuse en varias fases, que se iniciaron cando o Concello da Laracha encargou a elaboración dun documento técnico no que se recollesen a totalidade dos camiños públicos que existen actualmente no municipio e as súas condicións actuais.
Nese momento comezouse a desenvolver a dixitalización do anterior documento, que aínda está actualmente en vigor. A continuación realizouse un laborioso traballo de campo, especialmente nas parroquias, para incorporar á rede de estradas as novas vías que foron creadas nos últimos anos. Todas elas foron plasmadas sobre unha base catastral para favorecer a súa comprensión e facilitar a súa utilización. Nesta fase, a recollida da información sobre o terreo apoiouse con documentación e ortofotos actuais e históricas de cada zona.
Como datos de interese, salientar que o estudo realizado ordena todos os camiños existentes por parroquias, clasificándoos en base ás características do seu firme. O inventario inclúe un total de 1.870 referencias e unha rede viaria de camiños que alcanza os 652.930 metros, cifras que poderían variar lixeiramente trala realización dos correspondentes informes das alegacións presentadas.











