Ferrol aproba as bases para a posta en marcha dun obradoiro de teatro
A Comisión Informativa de Cultura, Educación, Deportes e Turismo deu luz verde esta mañá ás bases para o Obradoiro de Teatro. Unha vez que este documento sexa aprobado no pleno de finais de mes,se abrirá un prazo de inscrición entre finais de decembro e mediados do vindeiro mes de xaneiro, previsiblemente. Esta formación teatral está dirixida para todas as persoas a partir de tres anos con preferencia das que estean empadroadas no Concello de Ferrol.
O edil de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, explicou que o Obradoiro de Teatro estará integrado por seis grupos que se dividirán por franxas de idades así como un grupo específico para persoas maiores de 18 anos que pertenzan a agrupacións teatrais, asociacións veciñais, entidades culturais ou que teñan outro tipo de características especiais. En cantos aos seis grupos por idades, se establece un de menores entre 3 e 5 anos, outro para nenos e nenas de 7 e 9 anos, un de rapaces e rapazas entre 10 e 13 anos, o de xuvenil para mozos/as con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos, adulto entre 18 e 60 anos, e o grupo sénior para homes e mulleres de 66 anos en adiante.
Estas agrupacións deberán ter un mínimo de oito persoas cun máximo de quince e desenvolverán as súas sesións de teatro en horario de tarde na capela do Centro Cultural Torrente Ballester. A formación teatral se realizará de luns a venres, ao longo de aproximadamente seis meses, e a duración das clases será de entre unha hora e catro semanais, dependendo do grupo.
Fomento do crecemento persoal
A programación do Obradoiro de Teatro será específica para cada un dos seis grupos e constará de tres bloques: quencemento, actividade específica e relaxación. Así, as agrupacións infantís -menores entre 3 e 13 anos- desenvolverán actividades de confianza, comunicación, concentración, atención, percepción (auditiva, visual e táctil), expresión corporal ou creación plástica e dramática.
Os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos aprenderán técnicas de relaxación e respiración, confianza, mímica, improvisación, mímica ou improvisación; mentres que os adultos abordarán a exploración de técnicas dramáticas e vogais, introdución á danza, acrobacias, interpretación de sentimentos, construción de personaxes e a relación de escenografías e vestiario. E por último, a programación de actividades do grupo sénior se centrará en exercicios físicos adaptados, de memoria, improvisación e montaxe de obras teatrais.
O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, explicou que esta proposta ten como obxectivo fomentar a cultural teatral e a práctica da arte escénica e audiovisual, proporcionar formación en artes escénicas, desenvolver técnicas de animación e interpretación así como formar no deseño e construción de escenografía. Tamén pretende fomentar dende a infancia o coñecemento e aprendizaxe do teatro e potencia o crecemento persoal mediante a preparación de destrezas en todas as áreas da personalidade (corporal, intelectual, afectiva e social). García Hurtado destacou que este proxecto de obradoiro de teatro para o ano 2015 permitirá comezar a asentar un movemento teatral en Ferrol que se verá cumprido coa futura Escola Municipal de Teatro.











