Ferrol abre o mércores o prazo para inscribirse na campaña de esquí da Deputación
A Concellería de Deportes do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, abre mañá mércores o prazo de inscrición para participar na campaña de esquí que promove a Deputación Provincial da Coruña. Os interesados deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ata o venres día 19 de decembro ás 14:00 horas.
O programa permite que un total de 33 nenos e nenas entre 10 e 13 anos poidan gozar dunha fin de semana de estadía na estación de esquí de Manzaneda, na provincia de Ourense. No caso de que a demanda de prazas sexa maior, realizarase un sorteo público entre todos os solicitantes. O resultado do sorteo publicarase na páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es e no taboleiro municipal.
Documentación requirida
Para formalizar a solicitude para esta campaña de esquí, os interesados deberán entregar a seguinte documentación: ficha de inscrición asinada polos pais ou titores legais; xustificado de empadroamento no termo municipal do neno/a; foto tipo carné; fotocopia da tarxeta sanitaria; carné de identidade ou fotocopia do libro de familia; xustificante médico onde consten as alerxias alimentarias ou de calquera tipo, no caso de que o menor teña que seguir un tratamento específico ou doenza; e copia de aboamento da cota de inscrición, que é dun importe de 60 euros.











