Ferrol abre o 10 de decembro o prazo para inscribirse na campaña de esquí da Deputación da Coruña
A Concellería de Deportes do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, informa que o vindeiro mércores día 10 de decembro se abre o prazo de inscrición para participar na campaña de esquí que promove a Deputación Provincial da Coruña. Este programa, dirixido a nenos e nenas entre 10 e 13 anos, permitiralles gozar dunha fin de semana de estadía na estación de esquí de Manzaneda, na provincia de Ourense.
Os interesados deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ata o venres día 19 de decembro ás 14:00 horas. O número de prazas está limitado a 33 menores e no caso de que a demanda sexa maior, realizarase un sorteo público entre todos os solicitantes. O resultado do sorteo publicarase na páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es e no taboleiro municipal.
A documentación requirida para formalizar a solicitude para esta campaña de esquí é a seguinte: ficha de inscrición asinada polos pais ou titores legais; xustificado de empadroamento no termo municipal do neno/a; foto tipo carné; fotocopia da tarxeta sanitaria; carné de identidade ou fotocopia do libro de familia; xustificante médico onde consten as alerxias alimentarias ou de calquera tipo, no caso de que o menor teña que seguir un tratamento específico ou doenza; e copia de aboamento da cota de inscrición, que é dun importe de 60 euros.











