Fene despedirá o ano coa II Carreira San Silvestre na que reeditará o concurso de disfraces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, presentou esta mañá a segunda edición da Carreira San Silvestre. Cita deportiva coa que o municipio despedirá o ano. No acto tomaron parte a edil de área, Rocío Bértoa, e o atleta local e gañador da última carreira 10K de Fene, Santi García. O rexidor explicou que se celebrará o 31 de decembro, a partires das cinco e media do serán. Aberta á participación de vecinos e visitantes sen límite de idade nin mínima nin máxima, Gumersindo Galego recordou o éxito tanto de participantes como de organización da primeira edición. Éxito que confía en igualar ou incluso mellorar. E, neste sentido, quixo invitar a todos e todas a sumarse á carreira e disfrutar desa xornada practicando deporte en boa compaña.

A concelleira Rocío Bértoa explicou que a intención do Concello é consolidar este tipo de carreiras no municipio, convertíndose en referente na comarca. Para iso, propónse un percorrido apto para todos os públicos, duns catro ou cinco quilómetros, e que discurrirá polas parroquias urbanas de Fene e Perlío. Os detalles do rueiro daránse a coñecer próximamente, aínda que Bértoa xa avanzou que partirá novamente da praza do Concello.

Explicou que os nados en 2007 e anos precedentes deben formalizar a súa inscripción na páxina da Federación galega www.carreirasgalegas.com e abonar unha cuota de tres euros. O prazo pecharáse o mesmo día da cita, unha hora antes na casa consistorial. Aqueles que nacesen en anos posteriores non precisan anotarse na carreira. Así mesmo, reeditaráse o concurso de disfraces, polo que aqueles que se animen e se fotografíen no photocall que se instalará no salón de plenos optarán a diferentes premios. Por último, sinalou que os interesados poden consultar o regulamento tanto na páxina municipal www.fenecidadan.net como na da federación galega.

Pola súa banda, Santi García, que confirmou a súa presenza na carreira, aproveitou a ocasión para animar á veciñanza e, sobre todo aos máis novos, a participar da Escola Municipal de Atletismo posta en marcha recentemente pola Concellería de Deportes de Fene co ánimo de recuperar esta práctica no municipio dende idades xa temprás.

15 de decembro de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.