Fene celebra a décima edición do Slalom Scratch Fene

Presentación do evento
Fene celebrará este sábado e domingo, 6 e 7 de decembro, a décima edición do Slalom Scratch Fene. E, esta mañá, presentaban a carreira a concelleira de Deportes, Rocío Bértoa; Fátima Ameneiro, comisaria deportiva; Cristian González, xefe do parque cerrado, e Andrea Ricón, responsable de relacións cos participantes. A edil destacaba a longa vida da carreira, cando neste 2014 cumpre os seus primeiros dez anos, e transmitía o agradecemento do Concello á Escudería Scratch Fene, promotora do slalom, tanto pola organización da proba como por difundir o nome de Fene por toda a xeografía estatal. Aproveitaba a ocasión para felicitar a Fátima Ameneiro polo seu éxito no Campionato estatal e invitaba á veciñanza a disfrutar da carreira e tamén da exposición dos vehículos participantes, que terá lugar o sábado á noite, e da mostra sobre a historia do slalom que esta mesma mañá se inauguraban no salón de plenos da casa consistorial. Os representantes da Escudería Scratch Fene explicitaban os detalles do slalom, proba de carácter nacional puntuable para o Campionato de Galicia de Slalom 2014. De feito, nel se decidirá, un ano máis, o nome do campión autonómico.
Disputaráse nas rúas do polígono de Vilar do Colo e repartirá 930 euros en premios o sábado e 930 euros o domingo, así como 27 trofeos en cada xornada –na xeral Scratch seis por cada fase; o X Trofeo Debutantes Talleres Gandoy; X Trofeo Feminino Ortegal Oil; VIII Trofeo Scratch Fene Talleres neumáticos Gas Sport; e tres a cada agrupación por cada fase-. Fátima Ameneiro apuntou que, como novidade nesta décima edición, se celebrará unha proba doble dividida en dúas xornadas, contando para o Campionato galego como dúas probas independentes e de máximo coeficiente. Tamén como innovación, a organización avanza que haberá dous circuitos diferentes o sábado e o domingo. En canto aos horarios, o sábado a xornada comezará ás 9,30 horas coas verificacións; ás 12,30 horas arrancará a primeira ronda de adestramentos e, ás 16,30 horas, a segunda. Sobre as 18,30 horas terá lugar a primeira ronda oficial e, a continuación, a segunda. Estímase que a entrega de trofeos se celebre en torno ás 22 horas no Salón de Plenos do consistorio, presidida polo alcalde, Gumersindo Galego. Tamén sobre esa hora, os vehículos que participen na carreira estarán a exposición do público no entorno do consistorio. O domingo, a ronda de adestramentos iniciaráse ás 10 e, a manga oficial, sobre as 11,30 horas. A entrega de premios, neste caso, prevése para as 15 horas.
Na rolda de presentación, Ameneiro destacou o orgullo que sente a Escudería ante o feito de que todo o esforzo que levan a cabo se traduce, edición tras edición, nun aumento de participantes e tamén de público. Avanzou a presenza de todos os gañadores do Slalom, coa excepción de Manolo Lojo –que se alzou co triunfo na primeira e segunda edición-, xa que tristemente non está connosco. Por último, agradeceu a colaboración do comercio de Fene, da Deputación e do Concello. Unha colaboración que, no caso do Concello de Fene, se formaliza a través dunha achega económica de 1.500 euros –mediante un convenio coa Concellería de Deportes que dirixe Rocío Bértoa-, así como da participación de efectivos de Protección Civil e Policía Local para o correcto desenvolvemento da proba; de operarios municipais para o transporte de material e actividades loxísticas ou o financiamento doutras accións como a exposición fotográfica. Exposición fotográfica Con motivo da décima edición do Slalom, a Escudería, coa colaboración do Concello, organizou una exposición fotográfica na que se fai repaso a estes dez primeiros anos de vida. Imaxes das carreiras, dos campións, as clasificacións, os carteis anunciadores… Unha mostra que permanecerá estes días no Salón de Plenos da casa consistorial e que esta mañá inauguraban Rocío Bértoa e os portavoces da carreira.











