Feijóo ve un éxito colectivo no 25 aniversario da Universidade de Vigo

Acto do 25 aniversario da UVigo. Foto: X. Crespo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao 25 Aniversario da Universidade de Vigo como “un éxito colectivo dos galegos, un éxito que compete aos docentes, ao alumnado, ás administracións e á sociedade no seu conxunto” e que “constata que os galegos somos quen de facer grandes cousas xuntos e durante moito tempo”.
Durante a súa intervención, Feijóo destacou que 1989 é o ano no que a Universidade galega se transforma, se adapta aos tempos e se axusta á realidade dun país diverso e pluricéntrico, dotado de territorios que reclamaban o seu protaganismo. “E se o autogoberno chegou da man do consenso, a nova realidade universitaria seguiu unha pauta idéntica”, aseverou, ao que engadiu que todos os que traballaron na universidade, con ela ou para ela, fixérono convencidos de que o seu país tiña futuro, e que ese futuro dependía en boa medida da súa Universidade.
O titular da Xunta subliñou que ao igual que a democracia, a universidade precisa dunha constante revitalización. “Mentres que os diferentes autoritarismos morren se evolucionan, a democracia esmorece se non o fai. A democracia pide novas ideas, novos plantexamentos, rebeldías construtivas”, dixo, poñendo de manifesto que, no eido universitario, a regresión xeográfica, a elevada taxa de paro xuvenil e as novas potencialidades que latexan na sociedade galega, obrigan a renunciar a obxectivos particulares e a corto prazo, para centrarse en visións sistémicas e a longo prazo.
Nesta liña, subliñou que a Galicia do século XXI demanda ás súas universidades campus fortes, consolidados, produtivos, atractivos, innovadores e especializados, e asegurou que a Administración autonómica intenta fomentar ese perfil.
Sobre este aspecto, o presidente da Xunta referiuse ao Consorcio entre as tres universidades galegas para a xestión de fines de interese común e á posta en marcha dun Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego para o período 2011-2015, que garante a estabilidade. “Patrocinamos a igualdade de oportunidades, mediante a conxelación das matrículas por cuarto ano consecutivo, convertendo os nosos centros de ensino superior nos máis asequibles de España; complementamos as bolsas do Ministerio; premiamos a excelencia; apoiamos en casos de dificultades sobrevidas para garantir a continuidade dos estudios; facilitamos a especialización de egresados en situación de desemprego; e, xestionamos o talento e apostamos pola investigación universitaria”, engadiu.
O responsable do Goberno galego salientou que Galicia leva moitos séculos sentindo que a Universidade é unha especie de corazón que impulsa o mellor de nós, que irriga o corpo do país de ideas, sabedoría, liberdade e tolerancia. “Entre Galicia e as universidades prodúcese unha influencia mutua e enriquecedora”, dixo, logo de precisar que se Galicia achega unha maneira de ver o mundo sen muros, con fiestras e pontes, as universidades converten ese sentimento en ciencia. “Non pode haber mellor complementariedade”, aseverou.











