Fabián C. Barrio presenta en Santiago “Malabar”, o seu novo libro sobre a realidade dos circos indios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Moitas son as inxustizas que poboan o mundo, pero de entre todas elas hai unha que chegou con máis forza a Fabián C. Barrio, un empresario de Internet que un bo día deixou atrás a súa vida confortable en Madrid para saír a dar unha volta en moto. Unha extraordinaria e intensa viaxe que durou dous anos e que deixou unha profunda pegada en Fabián. “De todas as historias que coñecín ao longo do mundo, quizá a máis conmovedora sexa a dos nenos escravos dos circos indios” afirmou Barrio ao seu regreso.

Segundo a Esther Benjamin Trust, máis de cincocentos nenos nepalíes son arrebatados cada ano das súas familias para ser vendidos aos circos indios, onde malviven nun estado de permanente escravitude. Unha realidade desterrada ao baúl do esquecemento que Fabián, no seu último proxecto, quixo denunciar. “Moitos morren, pero ese quizá sexa o seu final máis piadoso. A alternativa é a mendicidade, o abandono, os abusos sexuais” explica Barrio, que para investigar o escuro mundo dos circos indios, emprendeu, co apoio de Mutua Madrileña, unha viaxe en moto de 14.000 quilómetros desde a vella e vetusta Europa até chegar a India e Nepal, que bautizou como proxecto Suraj. Unha vez alí, o experimentado viaxeiro asistiu durante meses a infinidade de funcións circenses, gravou imaxes con cámaras ocultas e entrevistouse con ONGs locais, nenos da rúa, traballadores do circo e campesiños nepalíes para coñecer ás familias que se ven forzadas a vender aos seus fillos ás mafias indias.

Un auténtico proceso de inmersión cultural, que Fabián C. Barrio reflectiu, co seu peculiar estilo, na súa última novela: “Malabar” (Ed. Xplora 2014), que se presenta este sábado 20 de dicembro ás 12:30 na librería Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, e no que o incansable viaxeiro e escritor convídanos a que o acompañemos a unha apaixonante viaxe ás entrañas da India e Nepal para descubrir a historia esquecida dos circos indios.

16 de decembro de 2014 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.