Ethel Vázquez participa na Comisión do Litoral de Marín

Ethel Vázquez en Marín
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, subliñou hoxe que “o traballo ben feito” e a acción conxunta e coordinada das administracións fixo posible acadar o obxectivo histórico do recoñecemento dos núcleos tradicionais de Marín. Vázquez participou esta tarde, xunto coa alcaldesa, María Ramallo, e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, na Comisión de Seguimento do Litoral de Marín que avaliou este recoñecemento por parte do Ministerio de Medio Ambiente.
Ethel Vázquez sinalou que Marín é un exemplo de que dotarse dun Plan Xeral de Ordenación Municipal é o mellor camiño que poden seguir os concellos galegos para acadar o recoñecemento dos núcleos tradicionais do seu litoral. Así, logo de delimitalos no PXOM, Marín conseguiu que os núcleos de Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor acadasen agora o recoñecemento como solo de núcleo rural en igualdade de condicións que o solo urbano, tal e como acredita o informe da Dirección Xeral de Costas.
A conselleira de Medio Ambiente felicitou a alcaldesa, María Ramallo, e salientou que a etapa máis importante neste camiño “feito sen presa pero sen pausa” foi a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal en xuño de 2012. Marín iniciou, deste xeito, o proceso por onde se debía, pola delimitación dos núcleos, sentenciou Vázquez.
A titular de Medio Ambiente puxo en valor, ademais, o traballo da Comisión de Seguimento, na que prevaleceu o beneficio xeral, a transparencia e a lealdade institucional e que agora permite a centos de familias da costa dispor da seguridade xurídica necesaria para as súas vivendas.
Recordou que a Xunta sempre defendeu a singularidade e peculiaridade de Galicia, para facer compatible os núcleos tradicionais do litoral coa protección do litoral. Esta postura foi a que se trasladou en varias reunións celebradas cos departamentos estatais responsables en materia de Costas, invitando aos seus dirixentes a coñecer esta singularidade, en definitiva, iniciando un proceso de diálogo que lles permitise entender a verdadeira situación.
A conselleira destacou a sensibilidade dos Goberno central que, “25 anos despois de aprobarse a lei de costas soubo comprender a singularidade da costa galga e abriu unha porta para dar garantías de futuro á situación urbanística dos domicilios de moitas familias e do medio de vida de moitas persoas”.
Por último, salientou que Marín non é o único concello nesta situación, pero foi o que mellor soubo xestionar os tempos e dar resposta a esta oportunidade. Vázquez Mourelle mostrouse convencida de que o camiño avanzado por Marín servirá de guía para outros municipios en situacións similares que saberán recoñecer a importancia do fito acadado.











