Ethel Vázquez agradece as achegas do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos para construír unha Lei do solo consensuada

Ethel Vázquez na reunión con representantes do organismo
A Xunta de Galicia agradeceu hoxe ao Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia as achegas formuladas á nova Lei do solo, xa que axudarán a construír unha normativa urbanística consensuada e de país. Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, quen mantivo esta tarde unha reunión de traballo con representantes deste colexio na sede do organismo na Coruña.
Durante o encontro, a conselleira trasladou que moitas das inquedanzas deste colectivo xa están incorporadas no anteproxecto de Lei que se atopa actualmente en exposición pública. A modo de exemplo, sobre a redacción e aprobación nun prazo dun ano desde a entrada en vigor da Lei dun regulamento de desenvolvemento, destacou que a nova norma será a primeira lei urbanística galega en ter un regulamento de desenvolvemento que facilite a súa aplicación.
Así mesmo, a conselleira salientou que o texto legal incorpora outras das cuestións de interese para o colectivo de enxeñeiros, como é a previsión dunhas normas técnicas de planeamento, é dicir unha especie de “libro de estilo” que homoxeneice a terminoloxía dos PXOM para facilitar a súa interpretación e para facelos máis accesibles
En relación coas actuacións incompatibles en solo de núcleo rural, a nova lei prohibe as naves industriais de calquera tipo e os enxeñeiros solicitan se permitan pequenos talleres de reparación de maquinaria agrícola, cooperativas ou de empresarios individuais de elaboración de produtos, almacenamento, exposición ou venda de produtos do sector primario: ceramistas, carpinteiros, fitosanitarios, etc. Vázquez Mourelle recordou que a postura da Xunta é que se aceptarían estas instalacións sempre e cando se adecúen ao entorno, cun tamaño e determinacións estéticas adaptadas ás do núcleo rural: cores, formas, materiais que non rompan a harmonía das construción do núcleo rural.
Na reunión cos representantes do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, a conselleira remarcou a vontade do Goberno galego de acadar unha norma consensuada e enriquecida coas achegas dos distintos colectivos políticos, sociais e profesionais. Con ese obxectivo, esta mesma mañá a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo mantivo unha reunión de traballo co membros do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos dentro da rolda de contactos que a Consellería estableceu con diversas institucións para presentar o anteproxecto de Lei do Solo.
Nesas xuntanzas participaron xa desde o pasado mes de outubro os representantes das administracións locais, a través da FEGAMP, ou os representantes do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, así como dos diferentes departamentos da Xunta implicados na elaboración desta Lei transversal, como os responsables de Augas de Galicia, da Axencia de Infraestruturas, de Calidade Ambiental ou de Montes e Medio Rural.
Desde o Goberno galego destacase que o Anteproxecto de lei do solo pretende dar resposta ás necesidades actuais da ordenación urbanística municipal co obxectivo de conseguir que todos os concellos da comunidade conten con instrumentos de planificación.
Orzamentos de 2015
Na reunión que hoxe mantivo co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, a conselleira de Medio Ambiente tamén abordou as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio, das que destacou que medran por primeira vez desde 2009, ao igual que o fan as contas da Xunta, e acadarán os 734 M€.
Ethel Vázquez destacou que o 80% deses presupostos se dedicarán a investir no territorio, o que suporá apostar pola obra pública, e avanzar para completar as infraestruturas que vertebran toda Galicia. Por iso, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) aumentará o vindeiro ano un 2% o seu investimento, continuando co cambio de tendencia iniciado para executar as obras pola vía orzamentaria.
A conselleira remarcou, así mesmo, o incremento dos investimentos en materia de saneamento e abastecemento, e subliñou que está previsto destinar preto de 50 millóns de euros a infraestruturas hidráulicas na Comunidade.











