Espectáculo Musical Show en Verín con ‘Non temos medo’, Cantos Sacros e ‘Sueño de Azúcar. Pinocho se desepierta’
O Concello de Verín e a Asociación de Empresarios de Verín-Centro Comercial Urbano Verín promoven, durante o seguinte fin de semana, as seguintes actividades lúdicas e musicais de Nadal:
– Espectáculo Musical Show ‘Non temos medo’ (27 de decembro, ás 18 horas). No Pavillón Municipal de Deportes de Verín. Este espectáculo relata a historia do neno Xacinto que, tras escoitar decenas de contos de monstros, buscaba atoparse cun deles para demostrar que non son malos e que son eles os que teñen medo aos humanos. Aventureiro, e cansado de percorrer a súa aldea na busca dun monstro, partiu polo mundo co único obxectivo de documentar e catalogar a todos os monstros que existisen na terra, no mar ou que voasen polo aire. E así, viaxando, tamén visita a todos/as nenos/as para contarlles a súa historia. Unha historia de buscador de monstros no que se une teatro, música, baile e animación que convertirá aos/ás menores en cómplices viaxeiros do neno Xacinto.Este espectáculo tamén contará cun apartado solidario, xa que a entrada para acceder ao mesmo será a entrega dun donativo para Valeria de Dios, unha pequena verinense de catro anos que padece unha ataxia cerebelosa non filiada (para isto colocarase unha urna na instalación deportiva e o recadado será entregado para o tratamento de rehabilitación neurolóxica da menor).
– Cantos sacros e panxoliñas (28 de decembro, ás 10 horas). Na Residencia de Anciáns Santa María. Actuación do Coral de Verín. Conta coa colaboración da Comunidad de Hermanitas de los Ancianos Desamparados.
– ‘Sueño de azúcar. Pinocho se despierta’ (29 de decembro, ás 18 horas). No Pavillón Municipal de Deportes. “Tras un día de moito trasfego, decide que xa é hora de irse a descansar, séntase nunha vella cadeira de madeira ata que se queda durmido, empezando a viaxar nun sono cheo de música e personaxes, onde as nosas tres doce fadas poñerán voz ao sono de ‘Pinocho’ coas súas cancións e compartirán esta viaxe onde todos somos os protagonistas ata chegar ao final máis esperado por un monicreque de madeira chamado ‘Pinocho’”.
Ademais, e ata o 05 de xaneiro a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra ‘O Nadal nas Artes’, organizada pola Escola de Artes e Oficios de Verín, e con obras realizadas por arredor de 150 alumnos deste centro co Nadal como tema central. O Nadal nas Artes’ transmite unha visión plural da evocación natalicia nas artes plásticas, con obras feitas por persoas de idades comprendidas entre os 6 e os 80 anos. Tamén serve para dar a coñecer a liña pedagóxica da Escola de Artes e Oficios de Verín, xa que arredor do 75 % do alumnado implicouse activamente nesta mostra, nunha experiencia que cualifican como moi positiva, tanto o profesorado como o alumnado participante. Esta exposición poderá visitarse de luns a sábado das 10 ás 14 e das 17 ás 19.30 horas.











