publicidade hoxe

Espectacular final da Regata de Nadal Trofeo Manuel Nores en Aguete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarín
A-
A+
Foto de familia dos premiados

Foto de familia dos premiados

Sensacional colofón o que tivo este pasado sábado a XVI REGATA DE NADAL DE CRUCEIROS – TROFEO COMODORO MANUEL NORES que organizou na Ría de Pontevedra o Real Club de Mar de Aguete coa dirección técnica da empresa Desmarque SL, cunha magnífica etapa final, difícil por algúns roles pero con vento de compoñente nordeste que non baixou nunca dos 14 nós, chegando en ocasións a ter algúns refachos de 19 nós. Con atraso de media hora exacta sobre o horario previsto debido ao garreo repentino da baliza de saída polo mar e o vento, deuse fronte ao club de Aguete o bandeirazo de saída a esta última etapa para realizar a flota ORC un percorrido de case 11 millas nun imaxinario barlovento/sotavento entre as balizas de Tambo e Morrazán con final fronte ao Club de Aguete novamente, mentres que para os Clásicos e Veteranos era o mesmo, pero cambiando a baliza de Morrazán por Pelar tendo así 7,5 millas. E moito frío sobre todo.

Excelente regata do NO A CELULOSAS que tras unha saída bastante regular, logo acertou con todos os bordos gañando con autoridade en real e compensado da xeral e da súa clase. Tamén estivo moi ben a GRIFO que saíu mellor que ninguén e logo acertou cos bordos tendendo sempre cara á parte norte, aínda que ao final tívose que conformar coa segunda praza na xeral do día e primeira da súa clase. A etapa por clases, en ORC1 como diciamos, gañou do NO A CELULOSAS, seguido do YOUKOUNKOUN a 7:03 e AGUIEIRA a 7:04; en ORC2 gañou GRIFO, seguido de ENXUTO a 2:00 e de VAGALUME a 6:42. E en ORC3 gañou novamente o CAMARÓN 20, seguido de FILISPÍN a 09:37, e en CLÁSICOS volveu gañar CASSANDRA.

Realizados os cómputos das tres etapas celebradas, as posicións finais dos primeiros clasificados foi a seguinte:

Clase ORC1

1º) NO A CELULOSAS (IMX 38-Juan Carlos Pérez-CN Combarro), 4 puntos

2º) YOUKOUNKOUN (JOD 35 – Adolfo Castro – CN Portonovo), 8 puntos

3º) SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz-RCN Sanxenxo), 9 puntos

Clase ORC2

1º) ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – CN Cascais), 6 puntos

2º) GRIFO (First 27.7 – Francisco Freire-RCM Aguete), 7 puntos

3º) LIMAY (Bramador 34 – José Luís Smith – CN Beluso), 9 puntos

Clase ORC 3

1º) CAMARÓN 20 (Yatlant 24 – Javier Pérez-CN Combarro), 3 puntos

2º) O FILISPÍN (Furia 302-Antonio Novo-CN Combarro), 7 puntos

3º) SQUID (First 235 – Francisco Lusquiños – CN Portonovo), 9 puntos

Veteranos/Clásicos

1º) CASSANDRA (Hillary half ton-Javier Pazó-CN Portonovo), 3 puntos

2º) COCO-DRILO II (Spirit 28-Andrés Froiz-CN Combarro), 9 puntos

3º) NADA SEGUNDO (Puma 23 – Carlos Núñez – Societé Nautic Géneve), 11 p.

Por último, a clasificación do premio anual á regularidade adxudicoullo o ENXUTO con 18 puntos, seguido do AGUIEIRA con 30 puntos e GRIFO con 32.

A entrega de premios tivo lugar no transcurso dunha animada cea o propio sábado nos locais do club organizador onde se fixo un avance da gran regata Interclubes que organizarán a partir do 24 de Xaneiro até finais de abril en 6 etapas entre os Clubs de Aguete, Sanxenxo, Beluso, Portonovo Comisión Naval e Ro Yacht Combarro.

16 de decembro de 2014 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.