Escolares de Bueu realizan o roteiro dos Bolechas en Pontevedra
Mañá venres, 12 de decembro, fará o roteiro Bolechas un grupo de 45 alumnos/as de 1º e 2º curso de educación primaria do CEIP Montemogos (Bueu). Sairán da praza da Ferraría en dúas quendas: ás 9.45 e ás 11.30 horas.
O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, segue a ofrecer o roteiro dos Bolechas para dinamizar o uso da lingua entre nenos e nenas de 1 a 7 anos. Con esta excursión pola zona antiga de Pontevedra os máis pequenos farán un percorrido guiado polo centro histórico da cidade. Por medio de xogos cos Bolechas, os personaxes creados por Pepe Carreiro, a actividade busca ligar o uso do noso idioma cos espazos urbanos da cidade e dinamizar os usos orais da lingua galega no ámbito urbano.
Por mor da climatoloxía adversa, ou por outras circunstancias, esta visita podería sufrir modificacións. De ser así, procuraremos mantelos informados.











