“Entre todos. Construimos o Entroido” é o cartel gañador do Entroido de Verín 2015

Cartel elixido para o Entroido de Verín 2015
Un ano máis, o Concello de Verín promoveu o concurso para seleccionar o cartel oficial das festas, que contou tanto coa participación cidadá como dun xurado cualificador no proceso de selección.
No proceso de votación popular participaron un total de 126 veciños/as que, previa presentación do DNI, puideron escoller tres dos carteis participantes. Unha vez concluídos o período de votación, desde o 24 de novembro ao 10 de decembro,aos tres carteis que recibiron máis votos outorgáronselles tres puntos ao primeiro, dous ao segundo máis votado e un ao terceiro. Con posterioridade, o xurado cualificador -conformado por un representante de cada partido político da corporación municipal (María Corona Meixeira, Emilio González, Diego Lorenzo), un representante do mundo do cigarrón (Álvaro Ferreira), dous artistas locais ou profesores de pintura (Manuela Sánchez e María del Pilar Salgado), representantes de carrozas e comparsas galardoadas no 2014 (Julio Conde e María Benita Salgado)-, someteu a todos os carteis participantes a súa valoración.
Entre a suma dos votos de todos os membros do Xurado Cualificador o cartel que máis puntuación acadou foi “Entre todos. Construimos o Entroido”, que tamén foi o máis votado polos/as veciños/as de Verín. Polo tanto, o cartel gañador do concurso deste ano é “Entre todos. Construimos o Entroido”, de Olalla Diéguez Boo, que xa conseguira este premio nos anos 2006 e 2009.











