Elena Suárez lamenta que Fajardo poña en dúbida o labor dos técnicos do Concello de Vilagarcía
A concelleira de Servizos Sociais, Elena Suárez, lamentou hoxe que o voceiro de Esquerda Unida puxese en dúbida, unha vez máis, o labor dos técnicos do Concello. “O señor Fajardo está no seu dereito de cambiar o destino dos 118 euros que recibiría por pleno, de Servizos Sociais á caixa de resistencia de Lantero, pero o que non pode facer é aproveitar a ocasión para sementar dúbidas sobre que conseguiu o diñeiro doado ata agora e se o seu destino foi o correcto”, alega Elena Suárez, que á súa vez recorda que a aplicación dos baremos para as axudas sociais e polo tanto dos fondos dispoñibles non é unha cuestión que corresponda aos políticos, senón aos técnicos.
Neste sentido, a concelleira reclama do voceiro de Esquerda Unida algo máis de humildade e un pouco menos de demagoxia: “Doar 1.400 euros ao ano para fins sociais está moi ben, pero tamén haberá que recordar que facelo é moito máis doado cando se cobran 5.000 euros ao mes e que dende que anunciou aquel desexo, o certo é que o señor Fajardo deixou de asistir ás comisións informativas, ás que agora acode o seu compañeiro de filas, o señor Bueno, que si cobra as axudas correspondentes”.











