Electrodomésticos Erve faise co primeiro premio do Concurso de Escaparates de Nadal na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Escaparate de Electrodomésticos Erve

Escaparate de Electrodomésticos Erve

O xurado da 19ª edición do concurso de escaparates de Nadal que cada ano convoca o Concello da Laracha reuniuse na tarde do luns para visitar e valorar os vinte e cinco locais participantes no certame, situados todos eles nas vilas da Laracha e de Paiosaco. Estivo formado por cinco persoas: Rocío López (concelleira responsable da área de comercio), Patricia Bello (edil de cultura e deportes), Marta Caamaño (técnico municipal), Belén Cabeza (responsable da oficina municipal de información xuvenil) e Concha Inglesias (presidenta da Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha ACSIL).

Electrodomésticos Erve, establecemento situado na rúa Coruña da capital municipal, foi o gañador do primeiro premio, dotado con 250 euros. O xurado tivo en conta que todos os elementos que formaba a coidada e creativa composición do escaparate foron elaborados a man e resaltaban os produtos que están á venda no local, neste caso electrodomésticos.

O Concello da Laracha reparte en total 750 euros en premios neste certame, cuxos obxectivos son o apoio ao comercio local e fomentar a realización de composicións orixinais e chamativas nos seus escaparates, potenciando ademais que os locais das rúas do municipio presenten nestas festas unha imaxe característica do Nadal que se combine coa decoración e a iluminación instalada polo propio Concello.

A relación completa de galardoados é a seguinte:

1º premio (250 euros): Electrodomésticos Erve (Rúa Coruña, 2. A Laracha).
2º premio (200 euros): Panadería Ramiro (Rúa Epifanio Campo, 16. A Laracha).
3º premio (150 euros): Canela y Pimienta (Rúa José Manuel Ferreiro Penedo, 2. A Laracha).
4º premio (100 euros): Floristería Casbo (Avenida Bergantiños, 25. Paiosaco).
5º premio (50 euros): Farmacia Óptica Villanueva (Avenida Fisterra, 103. A Laracha).

30 de decembro de 2014 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.