Economía e Industria busca consolidar o crecemento das exportacións galegas en Marrocos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, desenvolverá durante os próximos días en Casablanca e Rabat un programa de encontros con emprendedores, empresarios e institucións marroquís co obxectivo de consolidar o crecemento récord que están a experimentar as exportacións galegas a este país, dun 116% ata setembro con respecto ao mesmo período de 2013. Galicia pechou o ano pasado con máis de 450 millóns en vendas a Marrocos, e a Xunta busca consolidar a tendencia con este programa de encontros, organizado en colaboración coa plataforma da Rede Pexga no país africano, e no que tamén participará o director da área de internacionalización do Igape, Abel Veiga.

En concreto, Aguilera manterá reunións de traballo con responsables da confederación xeral de emprendedores de Marrocos (CGEM), que representa a empresas de todos os sectores, así como con directivos da asociación marroquí de empresas do téxtil, e con representantes entidades públicas responsables de desenvolvemento económico, investimentos ou xestión de portos. Este apoio da Xunta á actividade comercial das empresas galegas neste mercado se suma aos apoios da consellería

Esta iniciativa servirá de reforzo en Marrocos ao labor que a Xunta xa realiza no país en apoio das compañías galegas, tanto a través da rede Pexga que respalda ás entidades empresariais sobre o terreo, como a través de iniciativas clave como o Plan Primex, que na actualidade está a apoiar a implantación de máis dunha ducia de empresas galegas cooperando ao abeiro de tres proxectos conxuntos.

Cun crecemento da economía do 4,4% durante 2013, o Igape está a impulsar ás exportacións ao mercado marroquí no convencemento de que brinda interesantes oportunidades de negocio ao tecido empresarial galego en ámbitos sectoriais como o transporte e a loxística, as enerxías renovables, a transformación de produtos agroalimentarios ou pesqueiros, as TICs, a construción, a metalmecánica ou o téxtil.

9 de decembro de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.