Dous expertos baristas achegan a cultura do café ao público do rastro benéfico de Vigo
A cultura do café da máis alta calidade estará presente no Rastro Benéfico-Bazar organizado pola organización de apoio á infancia Aldeas Infantís SOS Galicia, e que se desenvolverá entre mañá, xoves, e o vindeiro sábado na Estación Marítima de Vigo.
Será da man de dous verdadeiros expertos: o focense Víctor Couto, actualmente asesor barista da empresa Cafento e que foi Campión Barista de Galicia en dúas ocasións (2008 e 2009); e o vigués Marcos González, que rexenta o Café Bar Belén (Avda. García Barbón, 103).
Ambos achegarán ao público o latte art, a técnica que consiste en facer debuxos con crema de leite sobre a superficie do café, o xoves e o venres, na cafetaría do rastro, entre as 16 e 17 horas. Unha oportunidade para familiarizarse cunha técnica cada vez máis de moda nas cafetarías galegas e que, quen sabe, quizá poida axudarnos a sorprender aos convidados este nadal cun café un pouco diferente.
O diñeiro recadado nas consumicións será destinado a financiar as actividades de Aldeas Infantís SOS Galicia.











