publicidade hoxe

Detido a man dereita do líder da seita de Oia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOia
A-
A+
Europa Press

Axentes da Policía Xudicial detiveron tamén nunha localidade madrileña unha muller, considerada a man dereita do líder da Orde e Mandato de San Miguel Arcángel antes de ser apartado polo Bispado de Tui-Vigo, Feliciano Miguel Rosendo.

Así o confirmaron fontes da investigación, que precisaron que os dous arrestos se practicaron nunha vivenda na localidade madrileña de Collado, na que se realizou este xoves tamén un rexistro.

A detida xunto ao considerado líder da seita, é unha muller que se facía pasar por monxa, segundo precisaron fontes da investigación consultadas.

Os dous detidos foron trasladados pola Benemérita ata dependencias do corpo na provincia de Pontevedra para que presten declaración, tras o que está previsto que pasen a disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Tui.

ASOCIACIÓN ILÍCITA

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) explicou que a causa se segue por asociación ilícita e a leva o Xulgado de Instrución número 1 de Tui, que a declarou secreta.

As dúas detencións producíronse despois de que o mércores familiares de seguidores da suposta seita denunciasen abusos sexuais e acusasen o líder de cometer estafa e tráfico de influencias. Estas familias advertiron de que a orde actuaba agora como ‘A Voz do Serviam’ con casas en Collado Villalba e El Escorial e denunciaron que mantén os seus fillos e netos menores de idade baixo a súa influencia.

Fontes da investigación engadiron que se sabía que membros desta organización ían ter unha reunión no municipio madrileño este xoves, xornada na que a Policía Xudicial practicou os arrestos.

DENUNCIAS

Un grupo de 14 familias con membros pertencentes a esta orde xa denunciaran o pasado mes de outubro que “en nome e baixo o amparo” da Igrexa “secuestraran” os seus fillos, ante o que pediron que llos devolvesen. A Garda Civil iniciou investigacións tras as denuncias presentadas e o Xulgado de Instrución número 1 de Tui abriu dilixencias.

Segundo contaron este grupo de familiares, levan varios anos loitando por demostrar que esta organización “é en realidade unha seita” e que mantén “actitudes que se puidesen considerar delituosas”. Con este propósito, contrataron unha empresa de detectives que lles indicou que esta asociación relixiosa fundada por Feliciano Miguel Rosendo Da Silva pode tratarse “dunha seita destrutiva”, ao detectar “indicios de fraude fiscal e posibles abusos sexuais”, entre outros delitos.

A Igrexa, que interveu a Orde o pasado 26 de marzo, está á espera dun informe para decidir se a suprime ou non e o bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, destituíu o líder e fundador.

11 de decembro de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.