Destínanse máis de 530.000 euros en axudas para mellorar os espazos naturais dos concellos da provincia de Lugo na Rede Natura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou que o departamento destina máis de 530.000 euros á mellora dos contornos de case 30 concellos da provincia de Lugo, integrados na Rede Natura 2000. Ethel Vázquez visitou esta mañá –xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias- o Concello de Folgoso do Courel, unha das entidades locais desta provincia que recibirá una axuda dun máximo de 20.000 euros para mellorar distintos camiños deste concello.

A conselleira salientou que a importancia desta liña de acción é dobre porque ademais de representar un compromiso co medio ambiente e, concretamente coa Rede Natura, tamén é un compromiso entre administracións públicas na procura dunha Galicia máis verde e mellor para vivir. Destacou que as actuacións van dende melloras de camiños ata o acondicionamento de fontes ou melloras na vexetación.

Afirmou que as actuacións subvencionadas permitirán mellorar a paisaxe, manter as condicións ambientais e a recuperación de especies e a conservación e restauración dos elementos históricos patrimoniais ou culturais en zonas da Rede Natura 2000. Tamén é finalidade deste programa de axudas a conservación e restauración de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional coa finalidade de incrementar nas explotacións agrícolas, o valor de recreo público nestas as zonas.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que este tipo de iniciativas son acordes cun dos primeiros obxectivos do Plan Director da Rede Natura, aprobado este ano, como é preservar e coidar o patrimonio natural de Galicia, un aspecto absolutamente prioritario para o actual Goberno.

Sinalou que este documento é a ferramenta que precisan os concellos para que poidan desenvolver o seu labor nas condicións necesarias, e nese camiño sempre contarán coa colaboración da Xunta de Galicia.

22 de decembro de 2014 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.