Despregraranse efectivos policiais no enterro do seareiro do Deportivo para evitar incidentes
Efectivos policiais estarán despregados na tarde deste mércores para evitar incidentes no enterro de Francisco Javier Romero Taboada, o seareiro do Deportivo da Coruña e membro dos Riazor Blues falecido tras os altercados entre este grupo e o Fronte Atlético.
Así o confirmaron fontes da Policía Nacional, que precisaron que non haberá un dispositivo especial. No entanto, si se prevé que haxa dotacións policiais para evitar posibles incidentes.
Tamén ante o tanatorio da Coruña, onde foi trasladado este martes desde Madrid o corpo do seareiro do Deportivo, hai dous furgóns policiais.
Medios de televisión atópanse tamén nas inmediacións, do mesmo xeito que ocorreu este martes coincidindo coa chegada do cadáver, sobre as 17,15 horas.
DISPOSITIVO POLO PARTIDO
Por parte do Concello da Coruña confirmouse que non haberá “en principio” un dispositivo especial da Policía Local polo enterro, que terá lugar no cemiterio de Feáns.
Si existirá “desde primeira hora da tarde” tanto de axentes municipais como de Protección Civil polo partido que este mércores enfrontará ao Deportivo da Coruña e ao Málaga, que foi declarado de alto risco.
PETICIÓN DA FAMILIA
Mentres, nun comunicado feito público este martes a través do seu blog, os Riazor Blues, pediron que se respecte” o desexo de familiares e amigos “de despedir a Jimmy -nome co que se lle coñecía ao falecido- na intimidade”.
“Son días de dor e rabia, de nervios a flor de pel, de soportar o acoso duns medios de comunicación que nin na morte demostran humanidade”, sinalan. “Por iso, e para evitar máis capítulos desagradables, rogamos sexa respectado o desexo de familiares e amigos de despedir a Jimmy na intimidade”, engaden.











