Deputación e Xunta aproban os estatutos do consorcio de emerxencias que se constituirá antes de abril en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia aprobaron este luns os estatutos para o futuro consorcio de emerxencias da provincia, que se constituirá no primeiro trimestre de 2015, e será así o último en facelo no ámbito autonómico, segundo sinalou o presidente da institución provincial, Manuel Baltar. A asemblea para a aprobación dos estatutos celebrouse no salón de plenos da Deputación de Ourense, na media hora anterior ao pleno ordinario do mes de decembro, e contou coa asistencia do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Luis Menor.

Ao rematar a asemblea, o presidente da Deputación explicou que o obxectivo dos consorcios é crear un mando único, incorporar os parques de bombeiros comarcais de Verín, Xinzo de Limia e Valdeorras e o que se creará proximamente no Carballiño, ademais de “homoxeneizar as condicións do persoal e da prestación de servizos, o que redundará nunha maior eficiencia na resposta ante as emerxencias”, agregou.

“Temos xa o máis importante, que é este documento dos estatutos aprobado hoxe, e xa non hai marcha atrás, así que no primeiro trimestre de 2015, se todo vai como ten que ir, o consorcio será unha realidade”, augurou.

Baltar recordou que outros consorcios levan anos funcionando, algún dende 2009 e 2011 e só faltaba Ourense. “Pero agora esta provincia incorpórase en condicións máis vantaxosas tras as negociacións dos últimos meses”, dixo e concretou que a Xunta de Galicia achega no futuro consorcio o 62,5 por cento da inversión, fronte aos xa constituídos que contan co 50 por cento da achega autonómica. A Deputación de Ourense completa o restante 37,5 por cento.

PSOE A FAVOR, BNG EN CONTRA

Na asemblea de aprobación provisional dos estatutos para o futuro consorcio, o PSOE deu o seu voto a favor porque “hai que poñer os intereses dos cidadáns por enriba dos partidistas, e en casos de emerxencia, como incendios ou accidentes nunha estrada, ninguén pon a pensar na cor do partido que o axuda”, segundo o voceiro, José Ignacio Gómez.

Pola súa banda, o BNG votou en contra por considerar que o servizo de emerxencias e extinción de incendios en Galicia “está totalmente fraccionado e descoordinado”, pois conta cos servizos municipais de bombeiros nas sete grandes cidades, os consorcios provinciais como o de Ourense que se constituirá en breve, e “o último invento do PP”, en alusión aos Grupos de Emerxencias supramunicipais (GES).

No seu argumentario para o voto en contra, o BNG inclúe as “graves desigualdades creadas xa”, por exemplo, entre o persoal laboral público do parque comarcal de Silleda e o de empresas privadas que xestionar os parques de bombeiros, e o persoal dos GES.

O BNG tamén criticou os estatutos aprobados este luns porque “establecen a posibilidade de que a xestión do servizo se privatice e na actualidade é xa unha realidade, pois todos os parques comarcais, salvo o de Silleda, están privatizados”.

O BNG achegou un informe da Coordinadora Nacional de Bombeiros Profesionais no que se detallan os custos do servizo de bombeiros en Galicia -subcontratar- e en Vizcaya, provincia do País Vasco na que o dispositivo é “tan grande como o das catro provincias galegas, con algo máis de 400 traballadores, pero con xestión directa”.

Segundo o grupo nacionalista na Deputación, a xestión privatizada que está implantada en parques comarcais de bombeiros galegos “é máis cara para a administración, dá peor servizo e peores condicións laborais para os traballadores”.

Pola súa banda, Baltar explicou que a oposición do BNG levou o director “xeral de Emerxencias a preguntarse por que non levaron esa discrepancia ao consorcio de Lugo, na Deputación da cal si gobernan”.

29 de decembro de 2014 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.