publicidade hoxe

Deputación de Lugo e Concello da Pontenova impulsan a VIII Feira de Artesanía e Antiguidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PontenovaCalendarioLugo
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, xunto co Concelleiro pontenovés, Francisco Martínez, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a VIII Feira de Artesanía e Antiguidades da Pontenova, que se celebrará os días 5, 6, 7 e 8 de decembro na localidade mariñana e que conta cunha achega económica do organismo provincial, “clave para poder levala a cabo ano tras ano”, salientou Martínez.

Lara Méndez sinalou que este evento “contribúe a impulsar a Pontenova e ás localidades limítrofes, xa que, con motivo do Nadal, moita xente acude a facer as súas compras. Ademais, esta cita amosa a riqueza dos nosos productos artesanais, potenciando este sector”. Por outra banda, Francisco Martínez quixo agradecer “a achega económica realizada pola Deputación, que é clave para poder organizar cada mes de decembro este evento, ao que cada ano acude máis xente e no que participan máis anticuarios”.

Este ano participarán 30 artesáns, chegados dende toda a xeografía nacional e internacional. Haberá unha variada oferta de productos, dende barro e coiro, ata complementos en tea, madeira e xoiería, entre outros. Ademais, a feira conta con 7 artesáns, que farán obradoiros en vivo: obradoiro de tear a cargo de Cecilia Carballo; de escultura en madeira con Jose Mª García; de forxa e obradoiro de navallas con Jose Mª Rodil; de encaixe de bolillos e pintura en tea con Aurora Rodil; de labores en tea e ganchillo con Michelle Pío; de torno con Julio Guntín; e de cestería en mimbre con Luisa Martínez.

Restaurantes da vila súmanse á iniciativa, colaborando con Concello e Deputación, e ofrecerán menús especiais. Trátase dos establecementos San Briz e A Estación e os Mesóns Goá e A Mina. Ademais, adhírese á feira a Pulpería Esther de Monterroso.

Horario

A feira é gratuíta, tanto para os asistentes, como para os participantes na mesma. A apertura oficial será na pontenovesa Praza dos Fornos o venres 5 de decembro, ás 16:00 horas; a ceremonia inaugural terá lugar o mesmo día ás 20:00 horas, e o peche da feria será ás 21:00 horas. O sábado e o domingo, o horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O luns 8 de decembro, a feira abrirá ás 11:00 e ata ás 14:00 horas, e de 16:00 a 20:00 horas.

1 de decembro de 2014 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.