Demasiado castigo para o Burela

Encontro Burela-Aspil Ribera Navarra
O Burela FS Pescados Rubén sufriu hoxe demasiado castigo en Vista Alegre na visita do Aspil Ribera Navarra FS, que conseguiu a clasificación para a Copa de España de Cidade Real 2015 nun duelo moi igualado que se decidiu na recta final (2-5).Os laranxas encaixaron tres do cinco goles nos tres últimos minutos, dous deles con porteiro xogador.
Matamoros e Antoñito tentaron soprender a Molina xa nos primeiros segundos e Hamza fixo o propio con recuperación sobre Iago Míguez que soubo resolver á perfección Álex. Tras falta de Mata o minuto 2, Andresito inaugurou o marcador pero pouco lle durou a alegría a Ribera porque poucos segundos despois Matamoros igualaba a contenda con golazo pola escuadra tamén a balón parado, tras falta sobre Iago Míguez.
Con cinco faltas xa no minuto 7, o Burela FS non veu abaixo; soubo reaccionar con moita seriedade en defensa e mesmo con perigo en ataque. Antoñito dispuxo de dous magníficos balóns, minutos 14 e 16, en contraataque de Chano e a pase de Isi, que non acabaron de callar, e Chano, máis tarde –no 17-, tamén xerou nerviosismo nas filas visitantes en contragolpe pola banda cun disparo que quedou sen forza. A falta de Isi sobre David na área visitante propiciou o 1-2 a falta de 1.52 minutos para o descanso nun dobre penalti con firma de Andresito nun balón raso que se coou pegado ao pau. Nos últimos segundos da primeira parte, o cadro local puxo en alerta a Molina con tres balóns envenenadísimos a balón parado con Mata, Isi e Iago Míguez.
A Ribera parecía que lle servía ese resultado. Ao regreso do descanso, aínda que as primeiras chegadas, pero tímidas, foron dos visitantes sobre a meta de Álex, os da Mariña cargaron munición para ir a por todas con dúas boas ocasións de Mata e Carlitos antes de cumprirse o minuto 22. Pero despois tivo que aplicarse a fondo Álex até o 28, quizais nos momentos menos ordenados do Burela FS. No 25, Joselito rouboulle o balón a Isi; tras o rexeite do porteiro laranxa, salvou Hélder. A meta mariñán estivo concentradísimo na tentativa de lonxe de Palmas. Álex saíu vitorioso tamén no man a man con Joselito e con Roger ao pau, no 28.
Volveron as augas á súa canle para os laranxas. Tras o perigo de Chano e Antoñito fronte a un oportunísimo Molina que despexou por arriba no 31. Chegou de novo a hora de Burela FS; tras a falta de Jesús sobre Chano na área visitante, o sempre sublime Matamoros transformou o penalti no 2-2 (minuto 32). Os de Tudela cargábanse de faltas e os da Mariña non baixaban o seu nivel de esixencia, con Álex impertérrito ante dous canonazos de Andresito (minuto 33) e o asedio por partida dobre de Matamoros sobre Molina (minuto 35) e pouco despois de Carlitos e Antoñito.
Con todo, de novo a fortuna non estaba ao lado dos burelistas. Xusto cando mellor estaba o conxunto laranxa, do que podería ser o 3-2 para os laranxas, nun dobre penalti de Matamoros, a falta de 2.52 para o final, que despois tentou rematar tamén Antoñito, Vista Alegre enmudeció a falta de 2.17 ante o gol de David (2-3) en xogada iniciada por Hamza. Foron valentes os de Juanlu e apostaron polo xogo de cinco liderado por Mata, pero non era o seu día; Rubi subiu o 2-4 segundos despois a porta baleira tocando un pase longo de Molina. A falta de 49 segundos, David volveu atopar a porta baleira para o definitivo 2-5. Tentárono os da Mariña pero xa era demasiado tarde.
Agora toca pensar en gañar en casa do Montesinos Jumilla o vindeiro venres (21.00 horas), esperando a ver cúal é o desenlace entre Ribera Navarra FS e Peñíscola.











