Declárase deserto o concurso de recollida e tratamento de residuos domésticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Mesa de Contratación da Deputación _celebrada onte para valorar a oferta económica e o estudio de viabilidade do concurso de recollida e tratamento de residuos domésticos_ desestimou a oferta presentada pola UTE FCC-Celta Prix e declarou deserto o concurso.

A decisión foi adoptada dacordo co informe emitido polos técnicos provinciais que consideran que a oferta económica e o estudio de viabilidade incumpre distintas cláusulas do prego administrativo, non está suficientemente xustificada e está mal presentada.

Segundo o citado informe, a oferta non repercute a baixada proposta na oferta _de case un 20%, ao baixar o tipo de licitación de 159,09 euros a 129,01 euros_ na diminución dos ingresos previsibles da Ordenanza Provincial e, en consecuencia, nunha baixada das taxas que no futuro deberían pagar os veciños para costear o Servizo.

Isto motivou que _para velar polo interese público e polo dos cidadáns e concellos que confiaron na Deputación para xestionar con eficacia e eficiencia un Servizo tan complexo como o de recoller os residuos_ os técnicos acordasen non adxudicar o concurso.

 “Non se pode adxudicar un concurso coa máis mínima dúbida, xa que estamos a falar dunha concesión de 25 anos de duración”, manifestou o responsable da Mesa de Contratación.

A decisión adoptada non supón a corto prazo un prexuízo grave para os concellos, que seguirán prestando o servizo como o fan na actualidade con medios propios en 16 concellos, e prorrogando a concesión actual noutros casos. Deixar deserto o concurso non quere dicir tampouco que se aparque o proxecto pois a Deputación seguirá traballando para poñer en marcha unha iniciativa pioneira que entende moi beneficiosa para os concellos.

Ó concurso presentaranse as empresas Ascan-Civis Global-Geaser; Elsan- Inbisa; e FCC- Celta Prix.  Debido as elevadas esixencias dos pregos, as dúas primeiras non superaron o corte establecido como mínimo para valorar criterios de planificación e organización do servizo. Por iso só se abriu a oferta de FCC-Celta Prix, finalmente descartada polos técnicos polas anteditas razóns.

23 de decembro de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.