David Safier protagoniza a nova sesión do ciclo Libros en directo na Ágora
A Concellaría de Cultura informa de que mañá, mércores 3 de decembro, o centro Ágora acolle unha nova sesión do ciclo Libros en directo. Nesta ocasión, o protagonista será o autor alemán David Safier, quen presentará, a partir das 20.00 horas, a súa obra 28 días (editorial Seix Barral).
O coñecido autor alemán David Safier presenta 28 días dentro do ciclo Libros en directo, no que, por terceiro ano consecutivo, colabora o departamento municipal que dirixe Ana Fernández. Libros en directo é unha serie de encontros con autores de recoñecido prestixio que ten como obxectivo principal achegar ao público coruñés as novidades editoriais máis importantes. Trátase dunha cita mensual, presentada polo escritor Pedro Ramos, que trouxo á cidade autores como Juan José Millás, Luís Goytisolo, Javier Sierra e Eduardo Punset. Todos os encontros celébranse na Ágora e a entrada é libre até completar aforamento.
David Safiernació en Bremen (Alemaña) en 1966. Deuse a coñecer como guionista de series de televisión de éxito como Mein Leben und Ich, Nikola e Berlin, Berlin. Foi galardoado co Premio Grimme e o Premio TV en Alemaña, e cun Emmy en Estados Unidos. Vive e traballa en Bremen. Maldito karma (Seix Barral, 2009), a súa primeira novela, foi un éxito internacional en todo o mundo e leva máis de trinta edicións en español. Jesús me quiere (Seix Barral, 2010) e Yo, mi, me… contigo (Seix Barral, 2011) confirmárono como un dos autores máis divertidos e alentadores do panorama literario actual.











