Cultura programa diversas actividades no Museo Massó con motivo da datas de Nadal
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten programado unha serie de actividades no Museo Massó (en Bueu) para as vindeiras semanas no marco da ampla programación que organiza o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad nestas datas, con máis 70 actividades nos museos e bibliotecas que del dependen en toda a xeografía galega.
Precisamente a partires de mañá mércores arranca un curso de formación sobre ‘Interpretación do Patrimonio Cultura e Natural’, que se desenvolverá ata o venres nas instalacións do Museo. Trátase dunhas xornadas dirixidas a todas aquelas persoas que queiran aprender técnicas de comunicación para levar a cabo visitas guiadas en lugares de interese patrimonial.
O venres, día 19, o Museo acollerá a presentación do libro “La huella de Pedro Madruga en Cristóbal Colón”, un ensaio sobre a posible dualidade entre Pedro Álvarez de Sotomayor (coñecido como Pedro Madruga) e Cristóbal Colón. O autor da obra,Ángel Carracelas Requejo, trata de avanzar na tese que defende a orixe galega de Colón.
Obradoiros para os mais cativos
Así mesmo están programados dous obradoiros de nadal. O primeiro deles terá lugar o vindeiro día 27, e está destinado a nenos de a partir de 9 anos de idade. Este obradoiro ten como obxectivo facer comprender as propiedades magnéticas da terra e familiarizar aos participantes co manexo da agulla de marear e a súa utilidade na navegación.
O día 3 de xaneiro hai previsto outro obradoiro no que nenos e nenas a partires de doce anos así como menores desa idade acompañados por adultos poden experimentar coa realización de pequenos exlibris (matrices para imprimir selos ou estampas). Ensinaráselles a técnica do gravado sobre goma e a fabricación de tampóns e os participantes poderán personalizar os seus propios libros.











