Cultura oferta máis de 5.000 prazas para participar no Programa de Lecer de do Fórum Metropolitano e a Ágora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, saca a concurso o servizo do Programa de Lecer no Fórum Metropolitano e a Ágora, para o que se ofertarán máis de 5.000 prazas para os talleres, clubs, círculos, campamentos de verán e Nadal, así como as actividades de carácter puntual e especiais que se desenvolverán ao longo do próximo ano nestas dúas instalacións municipais.

O Fórum Metropolitano e a Ágora contan cunha ampla oferta de propostas formativas de carácter cultural agrupadas no Programa de Lecer do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). O Goberno municipal busca con este programa de lecer cultural propostas innovadoras con actividades que fomenten a formación da cidadanía con accións enriquecedoras e que esperten sensibilidades que axuden a aproximarse á oferta cultural da cidade.

O Concello saca a concurso a contratación do programa de lecer cultural do Fórum Metropolitano e da Ágora. O contrato, por un importe máximo de 145.200 anuais, terá unha duración de 12 meses, prorrogable anualmente ata un máximo de catro. Nos pregos do contrato do Programa de Lecer inclúense:

Programa de Lecer de Primavera

Do 2 de febreiro de 2015 ao 29 de maio, ofrecerá un mínimo de 70 talleres, a distribuír entre ambos os centros, cun mínimo de 164 horas semanais. Cada taller implica 16 sesións durante este período, cuxa duración oscila entre as dúas e as tres horas por taller. Ofertaranse 2.000 prazas.

Campamento de verán

Do 22 de xuño ao 28 de agosto, celebraranse no Fórum e a Ágora en quendas de dúas semanas de duración, con 5 horas diarias de luns a venres, excepto o último día do campamento, que durará 8 horas. A oferta para ambos os centros é de 104 prazas por quenda; un total de 832 prazas.

Programa de Lecer de Outono

Do 28 de setembro ao 18 de decembro, ofrece o mesmo número de talleres e de prazas e o mesmo mínimo de horas semanais previsto para o Programa de Lecer de Primavera. Neste caso, cada taller implica 12 sesións cunha duración de entre dúas e tres horas por taller.

Campamentos de Nadal

Do 21 de decembro ao 8 de xaneiro de 2016, desenvolveranse no Fórum Metropolitano e a Ágora, con 5 horas diarias de luns a venres, excepto durante os festivos do Nadal (24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro). Cunha oferta para ambos os centros de 100 prazas por quenda; un total de 220 prazas, podendo desprazar prazas dunha sede a outra en función da demanda.

Clubs e círculos

Constituídos por persoas sen límite de idade e interesadas nun mesmo tema ou que teñen unha mesma afección e queren desenvolvela. Manteranse e potenciarán os que xa están a funcionar: no Fórum, un mínimo de 14 clubs, desde o 1 de xaneiro de 2015 ao 31 de decembro; na Ágora, un mínimo de dous clubs, tamén ao longo do próximo ano.

Actividades de carácter especial

Constituídos por persoas sen límite de idade e interesadas nun mesmo tema ás que se lles proporcionan todo tipo de propostas para o seu acceso, como poden ser charlas maxistrais, talleres de pequena duración (2-4 sesións) e todo tipo de propostas culturais que fomenten un consumo cultural.

1 de decembro de 2014 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.