Corsario VI, Ráfagas e Fixius dominan na Regata Ensenada de Rianxo a falta dunha proba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRianxo
A-
A+

Con ventos do primeiro cuadrante e unha intensidade de entre 8 e 13 nós deuse a saída puntual nas inmediacións do porto rianxeiro. O vento, que por momentos se facía demasiado rolón, complicaba o traballo dos patróns que despois de varias comprobacións decidiuse polo lado do comité para tomar a saída. Entre os destacados neses primeiros metros de regata atopábase o Arroás, de José Manuel Pombar e dous barcos de Villagarcia, o Fixius e o Corsario VI. Este último colleu a cabeza da flota nada máis empezar e xa non a deixou até cruzar a liña de chegadas.

Despois da baliza de desmarque spí arriba até a baliza do seixo, onde a trasloitada puxo en apertos a máis dun e despois un través, no que o spinnaker entraba demasiado forzado até o Moscardiño, onde outra empopada levou á flota até o sinal do Ter. Desde alí unha interminable cinguida até as inmediacións do Nautico de Rianxo, pasando de novo pola baliza do Seixo. Na clase Regata o Corsario VI é o gran dominador, pero nesta proba o Ziralla puxo en grandes apuros ao barco do LC de Villagarcia, ao que só foi capaz de gañar por escasos 2 minutos. Na clasificación xeral e a falta da manga do próximo sábado 13 de Decembro lidera o Corsario VI, seguido do Ziralla, de Ramón Barreiro, do C.N de Barraña e terceiro é o A Pillara, do C.N.D de Ribeira, que nesta segunda proba viuse relegado por un problema na saída.

Entre o Cruceiro-Regata o vencedor final da manga foi os Ráfagas, do C.N de Rianxo, o Arroás, a pesar de facer unha moi boa saída e de facer unha última cinguida espectacular tivo que conformarse co segundo posto, terceiro foi o Chispe, de Jesús Igleasias, do C.N. Caramiñal. A clasificación xeral está encabezada polas Ráfagas, seguido do Arroás, o Sampaio e o Chispe, estes tres barcos separados por un só punto. O Fixius, de Miguel Perez Lafuente levou o gato á auga nesta segunda manga diante do Piko Norte, de Jose Manuel Castro, estas dúas embarcacións decidirán na última manga quen gaña a clase cruceiro xa que están empatadas a puntos. Terceiro na etapa e na xeral é o Orlando Mare, de Vitoria Facal, do C.N de Oza.

O próximo 13 de Decembro celebrarase a terceira e última manga desta rifada XII Regata Ensenada de Rianxo – Trofeo E. Varela e hijos. Ao finalizar a competición celebrarase nas insatalacións do Nautico de Rianxo a recepción e a entrega de trofeos.

2 de decembro de 2014 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.