Cores Tourís recibiu a José Antonio Vega galardoado co “Batelumes de Ouro” 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na reunión con José Antonio Vega

Cores Tourís na reunión con José Antonio Vega

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá no seu despacho ao investigador do Centro Forestal de Lourizán, José Antonio Vega, quen recentemente recibiu o premio “Batelumes de Ouro” pola relevancia da súa investigación na mellora da protección contra incendios forestais e nos ámbitos da prevención, extinción e rehabilitación das áreas queimadas. No encontro estivo tamén presente o xefe territorial de Medio Rural e do Mar en Pontevedra, Miguel Dubois.

Deste xeito, o delegado territorial referiuse ao galardón do “Botalumes de ouro” que outorga a Asociación para a Promoción de Actividades Socioculturais e que foi entregado a José Antonio Vega o pasado 27 de novembro en Madrid.

Cores Tourís destacou a importancia de que este galardón recaese nun investigador que traballa no Centro Forestal de Lourizan, xa que supón un pulo importante ao traballo de investigación que se está a realizar en Galicia no eido da loita contra o lume.

Estes premios teñen como obxectivo reducir o número de incendios forestais que se producen cada ano en España así como a superficie afectada polos mesmos. O xurado do mesmo está constituído por destacados membros da Administración Pública, a Universidade, empresas, profesionais, xornalistas e asociacións, tendo como obxecto valorar e dignificar as actuacións realizadas por persoas, institucións ou entidades en materia de defensa dos montes.

No caso das mencións especiais, que foi o outorgado a José Antonio Vega na categoría de mellor avance tecnolóxico, concédense ás persoas ou entidades que destacaron de forma singular ao longo do ano pola actividade desenvolvida na loita contra os incendios forestais, xa sexa a través da investigación, a divulgación, a sensibilización ou acción directa, como é o caso do brigadista galego.

José Antonio Vega é doutor enxeñeiro de Montes pola Universidade Politécnica de Madrid e completou a súa formación con estancias en diversos centros de investigación do lume do USDA Forest Service de Estados Unidos. Foi pioneiro en España na investigación sobre o lume forestal que comezou en 1975 e do emprego do lume prescrito dende 1976. Coordinou ou participou en máis de 50 proxectos de investigación, 16 deles internacionais. Ademais, publicou varios artigos en libros e revistas científicas e desenvolveu unha intensa actividade docente tanto na Universidade como en cursos de posgrado. En 2013 recibiu a Medalla de Honra do Colexio de Enxeñeiros de Montes en recoñecemento ao seu destacado labor investigador e docente.

15 de decembro de 2014 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.