Confederación Hidrográfica e Deputación de Pontevedra rematan o acondicionamento das marxes do regato Aboal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosPonteareasPontevedra
A-
A+
Visita aos traballos de acondicionamento

Visita aos traballos de acondicionamento

A Deputación iniciará proximamente os traballos de acondicionamento das marxes do río Tea, entre os núcleos de Padróns e Fozara, en Ponteareas. Así o anunciou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, nunha visita ó sendeiro fluvial que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a propia Administración provincial habilitaron nas marxes do regato Aboal, en Mondariz, onde estivo acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Martín, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, o delegado da Xunta, Cores Tourís, e o alcalde de Mondariz, Julio Alén.

A nova actuación, unida á hoxe rematada e á que tamén desenvolverán o Concello de Mondariz e a Confederación, permitirá completar unha ruta de sendeirismo de máis de 17 quilómetros que unirá os concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario e Ponteareas.

Desta forma darase continuidade ó sendeiro do regato Aboal, que enlaza xa con rutas existentes e no que se investiron 250.000 euros, financiados nun 80 % pola Confederación Miño-Sil e no 20 % restante pola Deputación.

O obxectivo desta actuación é poñer en valor o regato Aboal, conservando a súa capacidade como elemento canalizador da drenaxe natural e convertendo o seu contorno nun espazo para o aproveitamento turístico e de lecer para veciños e visitantes.

Os traballos, que comezaron en maio e se estenderon por un período de 6 meses, iniciáronse no núcleo de Aboal, seguindo un percorrido de 2,9 quilómetros ata a confluencia deste regato co río Tea. Limpáronse e rozáronse as marxes en todo o trazado, acondicionouse a canle fluvial e construíuse unha senda peonil.

Para completar as actuacións, coa finalidade de continuar o paseo, construíronse varias pasarelas peonís de madeira que unen ambas as marxes do río, así como unha ponte de formigón que conecta a nova senda con varios camiños do contorno.

Tal e como sinalaron o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Martín, o propio presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Mondariz, Julio Alén, agora é precisa esta senda, de forma que permita un itinerario continuo entre os concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario e Ponteareas.

2 millóns de investimento da Deputación

A actuación rematada hoxe forma parte dun paquete de intervencións que a Confederación Hidrográfica está a realizar en colaboración coa Deputación de Pontevedra na zona do Condado-A Paradanta e Louriña, nas que a Administración provincial inviste preto de 2 millóns de euros.

Na actualidade están en execución obras no regato das Vendas, en Ponteareas, cun investimento de 4 millóns de euros, e no río Louro, en Mos, cunha achega de 950.000 euros.

En Ponteareas os traballos representan a recuperación ambiental do regato das Vendas para devolvelo á súa canle orixinal (a que tiña nos anos 50 do pasado século).

Este regato foi canalizado xunto co saneamento provocando problemas de funcionamento da depuradora e vertidos ó río. As obras implican a recuperación ambiental do río e do seu contorno e a execución duns colectores que leven as augas residuais á depuradora, de forma que se eliminen os problemas de verteduras.

En Mos as obras buscan rexenerar as zonas afectadas polos desbordamentos e actuar sobre as marxes para previr futuros desbordamentos.

Posta en valor do interior da provincia

Rafael Louzán destacou a perfecta harmonía entre Administración central, local e provincial para executar os diferentes proxectos que a Confederación Hidrográfica ten no sur da provincia e que están a permitir a recuperación de espazos naturais de gran valor paisaxístico, ó tempo que favorecen a mellora da calidade das augas e das canles fluviais.

Nesta liña Louzán e Alén destacaron que estas actuacións son un bo camiño para dinamizar o rural, tendo en conta que o turismo de natureza é cada día máis demandado e que o interior da provincia conta con magníficos recursos paisaxísticos e naturais.

10 de decembro de 2014 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.