Concello de Ferrol e EOI colaboran coa atención aos turistas que chegan á cidade dentro do calendario de cruceiros
Ferrol continúa mellorando os servizos que presta ao viaxeiros que chegan á cidade a bordo de cruceiros, un mercado turístico que ten experimentado un forte crecemento na cidade até supoñer este ano unha cifra de 40.000 visitantes. A consolidación de Ferrol como cidade de destino de cruceiros vén aparellada de novas accións por parte da Administración municipal para atender mellor as necesidades das persoas que nos visitan a través do mar, en colaboración con outras administracións e entidades como as asociacións de comerciantes e hostaleiros.
Neste sentido, a última iniciativa da Concellería de Turismo que dirixe María del Carmen García Fraga, é o establecemento dunha colaboración coa Escola Oficial de Idiomas e a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao para que alumnos/as de inglés e alemán da escola de idiomas ferrolá atendan aos cruceristas que chegan á cidade. Cómpre sinalar que este alumnado desenvolve unha función de acompañamento e/ou asesoramento, que complementa o servizo de informadoras turísticas que o Concello de Ferrol tamén pon a disposición dos cruceristas.
A primeira experiencia tivo lugar o venres pasado coa chegada a Ferrol dun milleiro de visitantes a bordo do barco de pasaxeiros da navieira británica “Saga”. Esta proposta facilita a práctica de inglés e alemán con persoas nativas ao alumnado da EOI de Ferrol. Un total de oito alumnas da EOI participaron o pasado venres nesta iniciativa para asesorar sobre lugares de compra, establecementos de hostalería, etc… aos 1.100 cruceristas durante o tempo que estiveron na cidade.











