Comezan os traballos de demolición de tres inmobles en situación de ruína na rúa Alegre de Canido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación do Concello de Ferrol, que dirixe Guillermo Evia Pérez, informou esta mañá do inicio dos traballos de demolición de tres inmobles en estado ruinoso situados no barrio de Canido. En concreto, estes edificios atópanse na rúa Alegre, presentan un elevado estado de deterioro que se remonta dende moi tempo atrás e o do seu derrubo se está a ocupar a súa propiedade tralas notificacións e multas coercitivas recibidas por parte da Administración ferrolá.

Ao respecto desta intervención, o edil Guillermo Evia sinalou que a demolición destes inmobles era un obxectivo e unha demanda veciñal que se viña repetindo en sucesivas corporacións, e que por fin se está acometendo neste mandato despois dos múltiples requerimentos enviados á titularidade da edificación. Así mesmo, o titular de Urbanismo apuntou que con estas obras de derrubo se garante a seguridade na zona en canto a posibles desprendementos de elementos da fachada sobre a vía publica aínda que os inmobles xa estaban cubertos cunha malla protectora para evitar caídas de cascallos na beirarrúa.

A reurbanización en marcha da rúa Alegre –principal viario de comunicación de Canido- e que inclúe a renovación dos servizos básicos soterrados, coincide así coa eliminación destas ruínas, o que redundará na mellora da imaxe do barrio e do benestar dos seus veciños que disporán dun espazo rexenerado no ámbito urbano.

3 de decembro de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.