Comeza a remodelación do firme do campo de fútbol municipal de Condomínguez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+
O alcalde na visita aos traballos de remodelación

O alcalde na visita aos traballos de remodelación

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, visitou onte o comezo das obras de remodelación do campo de fútbol municipal de Condomínguez, en Priegue, unha actuación que está a ser executada a partir dun proxecto elaborado pola enxeñeira municipal e financiadas cunha subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 171.482 euros.

As obras consisten na renovación do céspede artificial, en considerable estado de deterioración, e o sistema de rego, que por un funcionamento incorrecto estaba a xerar importantes perdas de auga.

A esta actuación nesta instalación, súmase a remodelación dos vestiarios, cun investimento municipal de 38.421,15 euros, que consiste na reposición dos acabados interiores (solados e azulexados), a renovación das instalacións de saneamento, electricidade e fontanaría, a reposición e ampliación da carpintaría exterior, renovación do mobiliario, e o pintado interior e exterior.

“Estas dúas actuacións dan resposta a unha demanda dos usuarios destas instalacións, especialmente o Nigrán CF e as Escolas Deportivas Val Miñor, cunha remodelación practicamente completa desta instalación deportiva municipal, ao igual que xa se fixo co campo de fútbol de Vilariño no que se realizou unha actuación que superou os 300 mil euros tras a firma dun convenio coa deputación de Pontevedra”, recorda o alcalde, Alberto Valverde.

“Unha obra importante e, sobre todo, necesaria”, subliña Valverde, debido ao estado precario destas instalacións, e polo número de usuarios destas, que supera o medio millar entre adultos e nenos e nenas do municipio.

30 de decembro de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.