Comeza a recollida do lixo porta por porta en Ferreira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A parroquia de Ferreira estreou esta mesma mañá o novo sistema de recollida do lixo porta a porta que San Sadurniño porá a proba de forma experimental nos próximos meses. Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que busca comprobar a efectividade e viabilidade dunha maneira distinta de xestionar os residuos en orixe co obxectivo de aforrar custes económicos e ambientais. Os dous operarios municipais que fixeron a ruta comprobaron que os veciños e veciñas de Ferreira apoian a idea desde o primeiro día: a práctica totalidade do lixo recollido estaba perfectamente clasificado e nos colectores non había nin rastro de restos orgánicos.

E é que todo o proxecto está fundamentado na reciclaxe do orgánico, que no resto de San Sadurniño ocupa arredor do 40 por cento do volume total da bolsa do lixo. O Concello agarda que todo ese tipo de residuos -mondas, restos de comida, lavaduras, etc.- se recicle nos domicilios como se fixo toda a vida, ben como mantenza dos cochos e outros animais, ben botándoos no esterco ou ben por medio da compostaxe caseira, que non deixa de ser unha evolución da esterqueira tradicional. Para iso distribuíronse pequenos composteiros e desenvolveuse unha campaña informativa sobre como utilizalos para conseguir un sustrato fertilizante que despois se poida empregar en plantas e morteiros.

Porén, ademais dos composteiros, o Concello tamén repartiu colectores por todos os lugares. Hai máis, son máis pequenos e están moito máis preto das casas para que á xente lle sexa máis cómodo depositar as bolsas. Cómpre ter en conta que no programa participan arredor de 150 veciños e veciñas dunha das zonas máis envellecidas do territorio municipal, xa que a media de idade supera os 60 anos. 

No colector amarelo bótanse os envases -latas, bricks e envoltorios plásticos- no azul o cartón e o papel, no verde o vidro e no gris os restos xenéricos, como poden ser zapatos vellos e outros pequenos residuos que non encaixan nos outros colectores. Noutros lugares só hai un ou dous colectores -sempre o amarelo e ás veces acompañado do gris- de maneira que durante a recollida os propios operarios municipais revisan o seu contido e separan as bolsas polo tipo de lixo que conteñan.

Neste primeiro día o resultado convida ao optimismo sobre a marcha da experiencia. A ruta percorre Ferreira e zonas limítrofes de San Sadurniño e Naraío sustituíndo o camión do lixo por un pequeno furgón que nesta fase inicial fará o traxecto todas as semanas. O trazado de recollida completouse en pouco máis de dúas horas, unha hora menos que se se fixese co camión compactador, o que supón un importante aforro en tempo, en combustible e na emisión de gases de efecto invernadoiro. Durante a mañá os operarios municipais corroboraron que o sistema promete dar resultado: na maioría dos lugares o lixo estaba perfectamente embolsado e clasificado e practicamente non atoparon restos orgánicos. 

As únicas incidencias anotadas foron por restos depositados sen bolsa. Casos puntuais cualificados como “normais” pola titular de Obras, Amparo Calvo. “É o primeiro día e é comprensible que haxa algunha equivocación e se alguén se engana son os propios traballadores municipais da recollida quen se encargan de mostrarlles o xeito correcto de clasificar e depositar o lixo en cada colector. Que a xente se afaga ao novo sistema será cuestión de días”, explica Calvo. Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Mari Carme García, destacou a “grande implicación” tanto do persoal municipal como da veciñanza nun proxecto piloto que, de saír como se espera, “podería extenderse a outras parroquias e, co tempo, ao resto do municipio”.

O sistema xa se usa con éxito noutros países de Europa e nalgunhas zonas de Cataluña e do País Vasco. A razón de importalo a San Sadurniño responde á necesidade de “buscar sistemas alternativos ao modelo SOGAMA que sexan máis baratos para as arcas municipais e que sexan máis sustentables desde o punto de vista ambiental”, asegura o alcalde, Secundino García.

9 de decembro de 2014 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.