Coches teledirixidos, chanfaina e volei encherán o lecer en San Sadurniño durante esta ponte
Quen non teña que facer ou non saiba como encher o tempo libre nesta longa ponte, ten tres opcións apetecibles sen ter que saír do concello. O sábado celébrase en Bardaos a Festa da Chanfaina durante todo o día, mentres que o luns ás 12 o Aldebarán recibe no pavillón ao C.V. Vigo dentro da Superliga Masculina 2. Ademais, tanto o sábado como o domingo o pavillón municipal será escenario dunha espectacular competición de coches teledirixidos con máis de 60 participantes.
A Bumpers Indoor Race está organizada por Bumpers Modelismo S.L. en colaboración co Concello. Trátase dunha carreira que se disputa en mangas de cinco minutos con dez pilotos en pista aos mandos de pequenos coches teledirixidos pero de moi altas prestacións.
O ano pasado só houbo vehículos con tracción traseira, pero nesta segunda edición da competición tamén se permitirán 4×4 e short course. Estes últimos son réplicas a escala 1/10 -1/8 en realidade- de buggys e furgonetas idénticos aos que corren a Baja California polo deserto de Novo México. Tanto os short course como o resto son modelos radiocontrolados que funcionan con batería, polo que non emiten gases nin fan tanto ruído como os de gasolina. Son pequenos pero matóns. Aceleran coma foguetes e poden superar facilmente os 100 quilómetros por hora, aínda que nun trazado coma o de San Sadurniño a velocidade punta nalgún tramo concreto seguramente ande entorno a uns máis que respetables 70 km/h.
A proba – na que hai inscritos máis de 60 cento de pilotos procedentes de Galicia, Asturias, Castela e Portugal- comezará o sábado cos adestramentos libres entre as 10 da mañá e as 20.00h. O domingo resérvase para as carreiras, que terán lugar no interior do pavillón das 9.00 ás 20.00h. A cousa promete ser espectacular. Os coches alcanzan velocidades de vertixe e, ademais, os equipos contan con boxes nos que poñer a punto toda a maquinaria, polo que o público asistente poderá gozar tanto das carreiras como de todos os preparativos e imprevistos que rodean unha competición deste tipo.
Chanfaina e volei
O sábado tamén é o día da III Festa da Chanfaina en Bardaos. Para participar nela había que inscribirse antes do día primeiro deste mes. Serviranse racións deste prato típico da zona por un prezo de 10 euros para as persoas socias e de 15 para as non socias, aínda que existe a posibilidade de comer, cear e facerse socio da confraría do San Pipote -organizadora do evento- por 20 euros. No encontro, ademais de chanfaina, haberá música ao vivo.
E, por último, o domingo a partir das 12 da mañá teremos oportunidade de ver un novo derbi autonómico na SM2 de volei no que o Aldebarán Intasa se enfrontará ao C.V. Vigo. Prevese un encontro intenso, xa que o Intasa ansía fuxir do último posto da táboa vencendo ao equipo que ten xusto por riba.
O partido servirá, ademais, para darlle de novo a benvida a Ángel Blanco Xelo, o histórico colocador do Aldebarán que volve ao seu equipo de toda a vida para reforzar a distribución do xogo.











