Cifuentes asegura que Policía non soubo que chegarían radicais galegos a Madrid
A delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, reiterou que a Policía non coñecía que chegarían a Madrid radicais do Deportivo da Coruña o pasado domingo e que se investigará por que non lles chegou esa información.
Nos actos do Día da Constitución que se celebran este venres na Real Casa de Correos, Cifuentes indicou que agora a “prioridade absoluta” para a Policía é deter o autor ou autores da morte do siareiro do deportivo.
“Non sei se houbo un fallo e onde estivo. Nestes momentos hai unha investigación xudicial por un lado, posto que houbo un falecemento, e tamén unha investigación interna que anunciou o ministro do Interior hai uns días para ver se puido fallar algunha canle de comunicación nalgún momento”, destacou a delegada.
Ademais, recalcou que é “evidente que a Policía Nacional en Madrid non estaba avisada nin coñecía que ía vir este grupo de radicais do Deportivo porque se fose así se poría un dispositivo axeitado e, polo tanto, vaise determinar por que esa información non chegou á Policía de Madrid”.
Cifuentes non quixo entrar en declaracións sobre o acontecido e remitiuse ás explicacións que se deron esta semana na Comisión Estatal contra a violencia no Deporte.
“Alí estaba o presidente do Deportivo que dixo algo que logo o presidente da Federación de Penas o desmentiu pero non vou facer ningunha valoración porque, con independencia do que acontecese na distribución das entradas, que é algo que deben controlar os clubs, neste momento a prioridade é determinar quen foron a persoa ou persoas que botou e golpeou o seguidor do Deportivo e determinar se houbo un fallo na información que algúns dixo que deron pero que outros non recibiron”, engadiu.











