Chocolatada solidaria a favor do Banco de Alimentos de Vigo
O Café Bar Belén de Vigo, (Avda. García Barbón, 103) presenta mañá a súa nova carta de chocolates á cunca, da marca de produtos gourmet Montecelio, e faino cunha chocolatada solidaria entre as 17 e as 18h.
A cambio dunha achega solidaria que irá en beneficio da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, quen se achegue poderá probar gratuitamente calquera das novas 18 variedades de chocolates, aptas tamén para persoas celíacas, que o establecemento vigués incorporou hai uns días á súa carta de produtos.
Unha semana intensa no Café Bar Belén
O Café Bar Belén, que aspira a converterse en punto de referencia en Vigo para as persoas ás que lles gusta o café de alta calidade e tratado por mans expertas, acollerá durante esta semana as xornadas de formación preparatorias para o III Campionato Barista Down de Galicia, coorganizado pola cafetera Cafento, a asociación Down Vigo e a Fundación Down Compostela.
Desde o pasado luns e até o próximo vierne, de 10 a 12h, seis mozas e mozos da asociación Down Vigo formaranse no establecemento vigués como expertos baristas para participar no certame galaico, decano en España e pioneiro no mundo, que se celebrará no Pazo de Lestrove, no municipio coruñés de Dodro, o vindeiro domingo.











