Cerdedo dá a coñecer o programa de actividades culturais para as datas do Nadal
Tras as diversas reunións mantidas nesta semana entre os membros do Departamento de Cultura do Concello de Cerdedo, o Equipo de Goberno encabezado polo Alcalde de Cerdedo, José Balseiros, e representantes dos grupos que actuarán, no día de hoxe queremos anunciar o ambicioso proxecto cultual que porá en marcha a entidade local e que presentou o Alcalde de Cerdedo no Salón de Plenos da Casa Consistorial.
“Trátase dun ambicioso proxecto no cal queremos que teñan cabida todos os segmentos de poboación e buscamos que a maior parte das actividades sexan para todos os públicos e poidan gozar xuntamente os maiores e pequenos. Con estas actividades ocuparemos os intres de lecer e tempo libre, en especial dos nenos nestas épocas tan sinaladas, tentando que pasen a maior parte do tempo cos seus familiares ou ben en actividades dirixidas e sempre baixo a supervisión de expertos en lecer e tempo libre ou actividades programadas. Destacar que a maior parte destas actividades sufragaranse con cargo ás distintas axudas que solicitamos ao longo do ano para minimizar os custos e que teñan o menor impacto posible para as debilitadas arcas municipais” declara o Alcalde.
Do programa podemos destacar que haberá actividades relacionadas coa música, en concreto a actuación da Banda de Música de Salcedo, o tradicional concerto de Ano Novo a cargo da prestixiosa Banda de Música da Estrada e as Corais Polifónicas da Estrada e Soutomaior, así como un concerto de saxos e outro de acordeóns; representacións teatrais como a famosa obra “Memorias dun neno labrego”; e cine coa representación de dúas películas moi taquilleras.
En especial para os nenos os días 22, 23 e 29 de decembro de 11 a 13 horas haberá obradoiro de manualidades para todos aqueles nenos empadroados no municipio e o día 5 de xaneiro a festividade de Reis coa recepción das súas Maxestades na Praza do Concello e a Ofrenda a Neno Jesús e unha gran chocolatada con espectáculo de animación musical no Colexio Público de Cerdedo.











