publicidade hoxe

Cedeira celebrará a III edición de GalEco coa biomasa e bioconstrucción como protagonistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Cedeira celebrará a terceira edición de GalEco, a Galería aberta ao mundo das Enerxías Renovables os días 13 e 14 de decembro. Nesta ocasión, o alcalde, Luis Rubido, apunta que se centrará no sector da biomasa e as súas aplicacións no ámbito doméstico e máis no mundo da bioconstrucción. Organizada polo Concello, o rexidor sinala que se recupera o emprazamento da primeira edición, a Avenida da Marina, no tramo que discorre entre as pontes vella e nova, e os horarios volven abranguer mañá e tarde.

Unha das novidades desta edición é a súa celebración baixo carpa, co ánimo de evitar que a choiva desluza a cita e a afluencia de público. Luis Rubido explica que a feira conserva o espíritu co que nacía hai dous anos: fomentar o uso das enerxías renovables a nivel doméstico, dando a coñecer os sistemas que veciños e veciñas teñen ao seu alcance, explicando o seu funcionamento e informando dos seus beneficios, tanto de carácter medioambiental como económico.

Para isto, firmas comerciais especializadas amosarán ao público todo tipo de productos, dende placas solares para abastecer de enerxía a vivenda ata cociñas, estufas e caldeiras de biomasa. De feito, este será un dos sectores que acaparará maior protagonismo, coa presenza de firmas da comarca. Trátase dun dos recursos renovables con maior futuro e potencial ao contar con grandes medios para xerarla. Outro dos puntos fortes de GalEco será a bioconstrucción. Aqueles sistemas de edificación realizados con materiais de baixo impacto ambiental ou ecolóxico, reciclados ou altamente reciclables. Un modo de minimizar o impacto que provoca no medio e contribuír a un desenvolvemento sostible e a crear un hábitat saudable.

Estudos de arquitectura darán conta das súas claves e como poñela en práctica. Así mesmo, dende a organización apúntase que a listaxe de empresas e firmas participantes pecharáse o próximo martes, 9 de decembro, polo que se ten habilitado o correo galeco@eventi.es para aquelas que estean interesadas en solicitar tomar parte na feira, que é completamente gratuíta.

5 de decembro de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.