CC.OO. Sanidade de Vigo sinala o 2014 como un ano de recortes, privatizacións e peche de camas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A executiva comarcal de Vigo da Federación de Sanidade de CC.OO. cualificou de “negativo” o balance do ano 2014 neste sector que, ao seu xuízo, se caracterizou polos “recortes, privatizacións e peche de camas”, entre outras medidas.

Así, o sindicato indicou que o ano comezou con peche de cuartos no Hospital Meixoeiro debido ás goteiras e filtracións de humidade, cos servizos de urxencias colapsados e coa derivación de pacientes a centros privados.

CC.OO. tamén denunciou a “descapitalización dos servizos asistenciais públicos de Vigo”, e medidas como a redistribución e unificación de servizos “que non contribuíron á mellora” na atención aos enfermos.

Ademais, recordou que, no pasado verán, se produciu “o maior peche de camas e quirófanos de Galicia e da historia da área sanitaria”, o que levou a incrementar as xa elevadas listas de espera ata chegar a case 25.000 persoas.

A isto súmanse, insistiron, os recortes de equipo e dos índices de substitucións, ou a privatización do novo hospital de Vigo e doutros servizos. Finalmente, subliñaron que o ano finaliza “con colapsos e sen camas de novo”. “Por todo o mencionado, CC.OO. pediu e seguirá pedindo a dimisión de todos os responsables políticos, comezando pola conselleira de Sanidade e a Xerencia”, concluíu o sindicato.

30 de decembro de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.